En portadaÚltima horaVídeos

O conselleiro de Sanidade visita as obras de reforma das áreas de cirurxía maior ambulatoria, hospital de día e farmacia no HPV

Julio García asegura que as medidas tomadas pola Xunta logran "desatascar o servizo de Traumatoloxía" do distrito sanitario

 

A obras de mellora que se están a levar a cabo no Hospital de Valdeorras, no Barco, eran visitadas esta mañá polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Na súa intervención neste acto, o conselleiro manifestaba o “cumprimento dos compromisos adquiridos coa cidadanía do distrito de Valdeorras e cos profesionais o pasado novembro. A primeira das medidas anunciadas, consistente na colaboración cos centros sanitarios de Ponferrada, xa está en marcha dende ese mes, existindo unha autorización de uso co Hospital de la Reina desa localidade, que permitiu que un dos seus traumatólogos realizara máis de 350 consultas ata final de ano”, dicía García Comesaña.

Ademais, explicaba que a segunda das medidas postas en marcha polo departamento sanitario galego, que comezou en decembro, “consistiu en organizar un sistema de rotación entre o persoal dos servizos de traumatoloxía de Galicia para manter a cobertura deste especialidade en Valdeorras. Esta medida conlevou en decembro o desprazamento de traumatólogos das áreas de Lugo e Ferrol para cubrir as gardas, e dun traumatólogo de Santiago de xeito permanente durante parte do mes, para atender máis de 200 consultas. Finalmente, dende este mes de xaneiro, xa hai tres profesionais cubrindo de xeito permanente as prazas vacantes do servizo de Traumatoloxía”.

Isto ten suposto, concretaba o conselleiro, que “a lista de espera da primeiras consultas no Servizo de Traumatoloxía reduciuse a unha media de 28 días, sen que ningún paciente teña que agardar máis de tres meses, malia ter como punto de partida unha demora media dun ano para as primeiras consultas, cando só se contaba cun profesional. Ademais, a normalización xa neste mes da presenza continuada de tres profesionais máis no servizo, vai permitir axilizar aínda máis a actividade asistencial. Esta medida continuará ata que se cubran, de xeito estable, estas prazas na oferta pública de emprego”.

 

 

Melloras en infraestruturas e equipamento

García Comesaña visitou tamén o inicio das obras de reforma para ampliar o hospital de día onco-hematolóxico e para mellorar as áreas de preparación e de recuperación na unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, que permitirá incluír máis procedementos cirúrxicos. Tamén comezouse a modernización das instalacións da farmacia hospitalaria.

A estas obras, o conselleiro anunciou que se unirá a reactivación da reforma da área de consultas externas, que traerá como consecuencia a incorporación, na área de oftalmoloxía, de equipos como un tomógrafo ou un biómetro, indicados para diagnosticar a dexeneración macular ou a retinopatía diabética. Diagnósticos estes que, por primeira vez, vanse poder realizar en Valdeorras sen necesidade de desprazarse a Ourense.

Xunto coas melloras en persoal e infraestruturas, García Comesaña destacou tamén as dos equipamentos. O conselleiro incidiu en que a Xunta tamén renovou a aparataxe tecnolóxica, incorporando xa equipos de ecografía aos servizos de Xinecoloxía e Cardioloxía. Até o de agora, o ecocardiógrafo xa realizou un total de 60 probas, un feito que evitou outros tantos desprazamentos, ao permitir realizar neste hospital algunhas das probas cardiolóxicas que se indican aos pacientes oncolóxicos e que antes necesitaban trasladarse a Ourense. Así mesmo, están xa adquiridos novos ecógrafos para os servizos de Urxencias e Radiodiagnóstico.
Finalmente, no vindeiro mes o Sergas licitará un contrato de mobiliario hospitalario no que se incluirá, cun custe de preto de 500.000 euros, a renovación de 106 camas, mesiñas e cadeiras de brazos das habitacións do hospital, co que, antes de rematar o ano, todas as habitacións deste centro terán o seu mobiliario renovado.

Isto suporá un investimento superior aos dous millóns de euros, e “amosan o compromiso do Goberno galego con este hospital que, nos últimos dez anos, incorporou Neuroloxía, Cardioloxía, Oncoloxía Médica, consultas de Endocrinoloxía ou Dixestivo, Hospitalización a Domicilio e, dende o pasado ano, tamén Hospitalización a Domicilio Psiquiátrica”, engadía Julio García Comesaña.

 

O conselleiro de Sanidade durante a súa intervención./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén incidía en que o “compromiso da Xunta de Galicia co hospital de Valdeorras, e co resto de hospitais comarcais, queda reflectido no feito de que, dende o ano 2019, o Sergas comezou a dar máis puntuación nas ofertas de emprego e nas listas de contratación a quen exercera nestes hospitais e, o pasado ano, incorporou a prestación de servizos en hospitais comarcais como mérito no cálculo da carreira profesional. Xunto con estas medidas, durante o presente ano, vanse desenvolver actuacións de mellora nos sete hospitais comarcais da rede sanitaria pública galega”.

Sinalou, así mesmo, o conselleiro, que a Xunta segue a solicitar ao Ministerio de Sanidade que regule os incentivos para o exercicio da sanidade en prazas de difícil cobertura, cumprindo un acordo do Consello Interterritorial que está pendente dende 2018, e reiterou a petición ao Goberno central que elimine a taxa de reposición que impide ás comunidades autónomas sacar a oferta pública todas as prazas para a cobertura estable.

Tamén fixo fincapé García Comesaña en que a aprobación, no ano 2018, da reforma da Lei de Saúde que fusionou as áreas sanitarias da provincia de Ourense, “está a posibilitar garantir a cobertura de profesionais nun hospital como o de Valdeorras, no que hai déficit deles en diversas especialidades”.

Na visita de hoxe, o conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial; e pola directora do distrito do Barco de Valdeorras, Margarita Rodríguez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button