En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O conselleiro do Medio Rural visita a explotación de vacún en extensivo da CMVMC de Coba (Trives)

José González anunciaba que o seu departamento fará o pago principal da PAC na primeira semana de decembro

Ata 140 cabezas de gando vacún de raza vianesa ten a explotación en extensivo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Coba (Trives), cunhas 160 hectáreas, que preside Julio Álvarez. Ata esta zona da montaña ourensá desprazábase na mañá do 29 de outubro o conselleiro do Rural, José González. “Este tipo de gandería en extensivo é pola que queremos apostar. Estou francamente sorprendido da aposta que se fai aquí por ela”, sinalaba o conselleiro, que estaba acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo xefe territorial da consellería en Ourense, Yago Borrajo; polo alcalde de Trives, Domingo Diéguez; e polo deputado Moisés Blanco, entre outras autoridades.

Nesta visita, guiada por Julio Álvarez, o conselleiro anunciaba que Medio Rural ten previsto facer “o pago principal da PAC na primeira semana de decembro, e practicamente o 90% de toda a PAC vai estar pagada neses días, son 135 millóns de euros que van chegar á práctica totalidade dos destinatarios da PAC, ata 26.000 beneficiarios”.

Aproveitando a súa estadía no municipio de Pobra de Trives, o conselleiro visitou tamén as instalacións da oficina agraria comarcal. Despois achegábase á serra de Coba e, dende alí, viaxaba a Chandrexa de Queixa para manter unha reunión co seu alcalde, Francisco Rodríguez.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás as dúas últimas da galería que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button