ConcellosÚltima hora

O Consello da Xunta aproba o proxecto de trazado e as expropiacións da estrada a San Vicente de Leira

Con el preténdese dar unha solución definitiva ao treito final deste acceso a este núcleo vilamartinés
Imaxe dun tramo da estrada a San Vicente./ Foto cedida.

 

Na súa reunión do 26 de xullo o Consello da Xunta de Galicia vén de aprobar definitivamente o proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) desde a estrada OU-0807. Trátase dunha actuación promovida pola Deputación Provincial de Ourense. Ademais, o Goberno galego aprobou o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas.

Este proxecto ten por obxecto, segundo se informa dende a Xunta, “dar unha solución definitiva á estabilidade desta estrada da Deputación no Concello de Vilamartín de Valdeorras, no seu treito final de acceso ao núcleo de San Vicente de Leira, e manter a actividade industrial da explotación de lousa existente”.

Deste xeito, din dende o goberno galego, “a Xunta atende a solicitude da Deputación ourensá, que pretende garantir a estabilidade da estrada provincial, cuxos noiros presentan problemas de esvaramento no treito final de acceso ao núcleo de San Vicente de Leira, como consecuencia das características xeotécnicas da zona”.

A intervención prevista no treito final de acceso ao núcleo de San Vicente inclúe o recheo parcial da valgada en que estaba asentada a explotación mineira, a recuperación ambiental da zona, a contención dos pés das ladeiras das montañas e situar a estrada sobre o dito recheo.

O proxecto de trazado definitivo aprobado hoxe pola Xunta –no que se analizaban cinco alternativas- foi xa sometido aos trámites de información pública e informe dos organismos afectados. Unha vez analizadas as alegación e informes recibidos, o pasado día 23 de marzo o Pleno da Corporación provincial adoptou por unanimidade elevar o expediente ao Consello da Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, segundo o goberno galego.

No proxecto construtivo que desenvolva o trazado que se vén de aprobar deberán terse en conta as observacións e condicións impostas nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así como na avaliación de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Artigos relacionados

Back to top button