O Consello de Ministros autoriza a licitación do proxecto da circunvalación do Barco por 63,64 millóns de euros

Terá unha lonxitude aproximada de 5,6 km, con 5 viadutos (entre eles un sobre o río Sil de 461 m de lonxitude), 4 pasos superiores e 1 paso inferior

 

Na reunión que celebraba neste venres 21 de decembro o Consello de Ministros en Barcelona vén de autorizarse ao Ministerio de Fomento licitar o contrato de obras para a execución do proxecto de construción da estrada de conexión entre a N-120 e a N-536 entre Sobradelo e O Barco, a denominada circunvalación. Esta licitación ten un importe de 63.640.276,29 euros.

O obxecto das obras “é dotar dunha conexión rápida e segura as estradas N-536 e N-120 nas proximidades do Barco, que sirva ademais como variante de poboación para evitar o frecuente paso de camións de lousa das canteiras próximas e resto de vehículos a través do seu núcleo urbano, mellorando as características xeométricas do trazado da N-536, mellorando a seguridade vial, rodada e peonil e mellorando as comunicacións de toda a comarca de Valdeorras”, segundo se destaca dende o goberno do Estado.

As obras terán unha lonxitude aproximada de 5,6 km e iniciaranse en Sobradelo no punto quilométrico 41,5 da N-536 na interesección coa OU-122, e finalizarán no punto quilométrico 453,4 da N-120 no Barco. Segundo se informa dende o goberno, esta actuación constará de tres partes diferenciadas. “Un primeiro subtramo de estrada é un acondicionamento e mellora da N-536 dende Sobradelo cunha lonxitude duns 3,3 km, cunha sección transversal duns 10m, composta por unha calzada de 7 m e arcéns exteriores de 1,50 m. Un segundo subtramo de estrada en variante de trazado duns 2,3 km, de 12 m de sección transversal (con arcéns de 2,50 m) que abandona o actual trazado da N-536, cruzando o río Sil mediante un novo viaduto entra en túnel no monte do Serro, para finalmente conectar coa estrada N-120 a través doutro viaduto sobre o río Cigüeño”.

 

Imaxe do Consello de MInistros presidido por Pedro Sánchez e celebrado o 21 de decembro en Barcelona./ Foto: Pool Moncloa/ Fernando Calvo.

 

A súa pendente lonxitudinal máxima será do 4,8% e están previstos no proxecto dous nós. O primeiro deles será non punto quilométrico 45 da actual N-536, é unha intersección en “T” dotada de carrís centrais de espera e cambio de velocidade. O segundo sitúase ao final do tramo e trátase dun novo enlace tipo diamante con glorieta superior, que serve de conexión entre a nova variante e a N-120 ubicándose próximo ao nó existente nesa nacional co punto quilométrico 453,4. “Este novo enlace ten sido deseñado e previsto para aloxar o paso da sección da futura autovía A-76: Ponferrada-Ourense, dando ademais acceso á OU-622 e a distintos viais do núcleo urbano do Barco”, segundo a información do goberno.

Ao longo do trazado están proxectados un total de 10 estruturas: 5 viadutos, 4 pasos superiores e 1 paso inferior, onde destacan o viaduto sobre o río Sil de 461 m de lonxitude, que tamén salva a liña de ferrocarril e a estrada OU-0801 de Éntoma e o viaduto do río Cigüeño, de lonxitude 347 m. Baixo O Serro tamén se contempla a construción dun túnel de 490 m de lonxitude e pendente lonxitudinal constante do 3%.

 

“A obra máis importante da comarca nos últimos 30 anos”, segundo o alcalde do Barco

Dende o Concello do Barco o seu alcalde, Alfredo García, considera “unha gran noticia” a aprobación da licitación do proxecto. “Trátase da obra máis importante de todas as realizadas na comarca nos últimos 30 anos tanto no que ten que ver co forte investimento económico, como no que atinxe aos beneficios que aportará para O Barco e o resto da comarca”, asegura o rexedor.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais agradeceu o labor neste senso do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, “que traballou arreo para conseguir este obxectivo. Hai que ter en conta que este proxecto está aprobado dende novembro de 2016 e quedou esquecido e paralizado ata agora. Foron anos de espera, e agora por fin, podemos dicir que o trámite político está rematado e que agora se inicia o procedemento técnico para a adxudicación. Agora xa é imparable”, resalta Alfredo García.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, aplaude “o traballo do goberno ao comunicar unha gran noticia para a provincia. E agradece a axilidade e o gran traballo que o ministerio levou a cabo para beneficio da cidadanía, tras anos de inmobilismo”.

Tamén de xeito moi favorable se acollía a noticia por parte do deputado popular no Congreso Celso Delgado Arce. “É un día moi feliz pois é a resultante dun traballo de impulso realizado dende hai moitos anos por responsables políticos de diferente signo, pola sociedade civil valdeorresa (singularmente AEVA e a AGP) e polos medios de comunicación”, comenta. Tamén lembra os últimos pasos dados “na tramitación administrativa desta estrada nos últimos anos, da etapa do goberno do PP”.

 

Celso Delgado Arce, deputado do PP por Ourense no Congreso.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies