SanidadeÚltima hora

O Consello Galego de Colexios Médicos amosa a súa postura sobre a limitación de pacientes

Esta entidade emitía este luns un comunicado valorando as conclusións das catro Comisións de Deontoloxía Médica dos catro colexios de médicos de Galicia

 

Dende o Consello Galego de Colexios Médicos de Galicia vén emitirse neste luns unha nota de prensa na que lembran que os facultativos da comunidade, “tanto de atención primaria como de hospitalaria, levan tempo demandando dispoñer do tempo suficiente para atender de forma apropiada aos pacientes e desenvolver a súa práctica profesional con calidade e eficiencia. Esta demanda concrétase para moitos médicos de Atención Primaria, na necesidade, para facelo posible, de limitar o número de pacientes non urxentes que poden ser atendidos nas súas consultas en xornada ordinaria”.

No texto do comunicado o consello prosegue indicando que, ante esta demanda, “fontes do Sergas teñen sostido publicamente que a aplicación deste tipo de medida, suporía unha perda de dereitos da cidadanía coa posible aparición de listas espera en Atención Primaria. E responsabilizan directamente (incluso se plantexan sancións) aos médicos por esta eventual perda de dereitos”.

Este organismo considera “inaceptables esas manifestacións” e indica que este é un tema que entra “directamente nas competencias dos colexios médicos” e, neste senso, o consello solicitou un ditame das catro comisións de Deontoloxía Médica dos catro colexios médicos galegos. Tras recibir e estudar ese ditame, o Consello Galego de Colexios Médicos plasma nesta nota de prensa cinco conclusións.

En primeiro lugar, que “o tempo necesario para cada acto médico debe ser fixado polo criterio profesional do médico en base ás necesidades individuais de cada paciente, cumprindo a súa obriga de procurar a maior calidade e eficiencia na súa prestación asistencial”. En segundo lugar, que “a administración sanitaria non pode obrigar ao médico a realizar a súa actividade profesional sen o tempo necesario para que ésta se desenvolva en condicións idóneas. E iso pode implicar a limitación do número de pacientes non urxentes a asistir na xornada laboral”.

Ademais o consello di que “é obriga da administración, e non do médico, buscar solucións para que todos os pacientes poidan ser atendidos en tempo e forma”, e considera que as medidas adoptadas ata o momento polo Sergas nese senso son “insuficientes para afrontar a situación actual e a dos próximos anos, tanto na atención primaria como nos hospitais”.

Finalmente, indícase que é “obriga do médico denunciar as deficiencias que dificulten a correcta asistencia aos pacientes” e, ademais, “tamén é obriga deontolóxica do médico en labores directivos velar para que as prestacións se adapten ás auténticas necesidades asistenciais da poboación”.

Artigos relacionados

Back to top button