EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro estrea sede

O presidente do CRDO Ribeiro, na visita de autoridades á nova sede do consello.

 

A partir do vindeiro 9 de novembro o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro abrirá ao público as súas novas instalacións. Esta nova sede está situada no número 3 da rúa Redondela, nos pisos superiores á Oficina Agraria Comarcal, Correos e a Policía Local de Ribadavia.

Este novo local dispón de dous andares, que acollen unha espazosa sala de catas, unha aula de conferencias, un salón de xuntas, un espazo para as oficinas dos traballadores, un arquivo e varios almacéns para os materiais dos departamentos de promoción e do órgano de control e certificación. “O conxunto representa unhas instalacións máis adecuadas ás necesidades do día a día das adegas, colleiteiros e viticultores, para poder levar a cabo actividades, tanto de promoción coma de control”, segundo explican dende o órgano réctor.

O 4 de novembro estas instalacións eran visitadas polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén Castro, que estaba acompañado polo presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan M. Casares. Na visita tamén participaban Yago Borrajo, xefe territorial da Consellería de Medio Rural en Ourense e César Manuel Gil, alcalde de Ribadavia.

As obras de reforma destas instalacións comezaban hai uns meses e consistiron na remodelación dos 616 metros cadrados construídos. Foi financiada integramente con fondos propios do Consello Regulador.

Malia que a mudanza non estará rematada antes do metade do mes de novembro, a partir do día 9 traballadores do organismo atenderán alí os trámites de declaración de colleita correspondentes ao exercicio de 2020.

Juan Casares comentou que “estrear nova sede do Consello Regulador fai que cumpra outro dos compromisos adquiridos no inicio desta andadura como presidente e con ela contaremos cunhas instalacións máis adecuadas ás necesidades dos viticultores, colleiteiros e adegas. Son unhas instalacións á altura da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button