CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Conservatorio Elemental de Música de Verín organiza unha xornada de portas abertas

Do 5 ao 10 de xuño os interesados poderán coñecer o calendario de cursos, a formación que recibirán e o calendario de probas de acceso
Conservatorio de Verín.

O Conservatorio Elemental de Música de Verín celebrará, dende o luns día 5 de xuño ata o sábado día 10 de xuño (ambos os dous incluídos),  unhas “Xornadas de Portas Abertas”. A finalidade principal desta iniciativa é a de dar a coñecer as diferentes especialidades que se imparten (Clarinete, Frauta Travesa, Guitarra, Piano, Saxofón, Trompeta, Viola, Violín) a todas as persoas interesadas en estudar no centro.

Nas portas de cada aula estarán os horarios para que a persoa interesada coñeza como se imparte cada unha das disciplinas instrumentais saiba que días e a que horas poderá asistir libremente a unha das clases que se celebrarán durante a semana. Ademais, informaráselle sobre o plan de estudos de cada especialidade instrumental, os contidos das probas de acceso ao centro e o nivel requirido para as mesmas.

Dende o Concello de Verín informan que para comezar estudos oficiais no Conservatorio Elemental de Música de Verín é imprescindible que as persoas teñan actualmente de 8 a 14 anos, ou que cumpran 8 e non cumpran 15 no ano no presente ano. Tamén, que fagan unha proba de acceso, para a que está aberto o prazo até o día 15 de xuño. O alumnado oficial de música recibe semanalmente catro horas de formación. Tres horas son de disciplinas comúns, nas que o alumnado participa, segundo o seu nivel, en clases colectivas de Linguaxe Musical (dúas sesións semanais de 1 hora de duración) e Educación Auditiva e Vocal (unha sesión de 1 hora). Unha hora é de formación instrumental, nunha clase individual na que a persoa matriculada aprende progresivamente, ensinado por unha persoa que ten o titulo superior nese instrumento concreto.

O Conservatorio Elemental de Música de Verín promove, como estudos non oficiais, para nenos e nenas de 6 e 7 anos de idade ou que os cumpran antes do 31 de decembro, un Curso de Fundamentos Musicais (alumnado de 7 anos) e un Curso de Música para Peques (alumnado de 6 anos). En ambos os dous cursos, que non son de estudos regrados, impártese unha sesión semanal de unha hora de formación.

 

Artigos relacionados

Back to top button