EconomíaEconomíaÚltima hora

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra celebra o pleno anual en Monforte

A entidade apraza a disolución e aprobación de estatutos da transformación a Mancomunidade
O presidente do Consorcio, Luis Fernández, nunha das súas intervencións. /Foto: Carlos G. Hervella.
O presidente do Consorcio, Luis Fernández, nunha das súas intervencións. /Foto: Carlos G. Hervella.

Trala suspensión o pasado 28 de xullo, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, celebraba na tarde do 6 de agosto en Monforte, o pleno ordinario con diferentes puntos na orde do día, a maioría aprobados por unanimidade.

Tal foi o caso do borrador de ordenanza reguladora para a instalación de terrazas de establecementos hostaleiros en puntos de interese turístico, quedando pendente “que os Concellos determinen e delimiten os puntos turísticos do seu termo municipal”, din dende o Consorcio. “O borrador proposto fai referenza exclusivamente ao tema estético, de ornato e de materiais a empregar nestas instalacións, será unha parte que os Concellos terán que incluír agora nas súas ordenanzas ou crealas xa contemplando eses aspectos”, explican.

Outro dos puntos que se aprobou onte foi a orde de subvencións para terrazas. “A Axencia Turismo de Galicia ten comprometida unha achega de 300.000 euros para investir en terrazas entre 2015 e 2016”, explican dende a entidade, matizando que “o convenio non está asinado polo momento. Tan pronto rematen os trámites por parte da Xunta de Galicia, esta orde de subvencións será posta en marcha dende o Consorcio”.

A sesión celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Monforte. /Foto: Carlos G. Hervella.
A sesión celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Monforte. /Foto: Carlos G. Hervella.

O pleno tamén aprobou o orzamento 2015 que se achega aos 315.000 euros, incluíndo nesta contia 100.000 euros do investimento de terrazas que corresponderían a este exercicio; e a proposta de xerencia para “a creación dos Premios Regala Ribeira Sacra con motivo do décimo aniversario da entidade”. A primeira gala de entrega sería “presumiblemente, no mes de outubro en Chantada, por ser o Concello dende onde a entidade comezou a traballar”, adiantan.

Outro dos puntos tratados en Monforte foi a disolución e aprobación de estatutos da transformaicón a Mancomunidade que quedou aprazada, “agardando por unha reunión conxunta co Director Xeral da Adaministración Local para setembro” explican dende a entidade.

Artigos relacionados

Back to top button