OurenseÚltima hora

O Consorcio provincial contra incendios terá un orzamento de 4,3 millóns de euros no 2019

A partida orzamentaria máis relevante está destinada para edificios, maquinaria, instalacións técnicas e utensilios
Imaxe da sesión plenaria do Consorcio provincial contra incendios.

O Consorcio provincial de Ourense para o servizo contra incendios e de salvamento aproba no pleno celebrado o 4 de decembro no Pazo Provincial os seus orzamentos para o ano 2019, que ascenden a un importe total de 4.302.000 euros. “Os orzamentos pretenden continuar na nosa liña de traballo, de mellora na prestación dos servizos do Consorcio ás emerxencias que acontezan na nosa provincia, a través da incorporación de novas adquisicións á dotación material e técnica da entidade, da mellora na oferta formativa ao persoal e tendo como máximas a planificación, a previsión e a innovación”, explicou o presidente do Consorcio Provincial, Pablo Pérez.

Neste sentido cabe destacar que a partida do orzamento máis relevante está destinada para edificios, maquinaria, instalacións técnicas e utensilios, así como para estudos e traballos técnicos necesarios para o desenvolvemento das actividades propias do Consorcio. “Ao longo do 2018 puxemos en marcha o mapa de emerxencias provincial, implantamos métodos pioneiros en materia de rescate, abriuse o parque de bombeiros do Carballiño, e coa posta en funcionamento dos catro parques ao 100%, logramos un salto de calidade importante na atención ás emerxencias de Ourense, e esa continuará a ser a nosa folla de ruta para o vindeiro ano”, explicou o presidente do Consorcio.

Ademais do presidente do Consorcio Provincial de Ourense, tamén estiveron no pleno a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o deputado provincial, Francisco José Fraga; o alcalde de Larouco, Joaquín Bautista Prieto; o secretario do consorcio, Juan Marquina; a tesoureira do consorcio, Begoña Álvarez; e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, “que participou no seu último pleno do Consorcio e a quen lle agradecemos o seu labor ao longo destes anos de servizo”, salientou Pablo Pérez.

Con 156 intervencións no parque de bombeiros de Valdeorras

Na sesión tamén se facía balance das actuacións realizadas polo Consorcio durante o ano 2018, Pablo Pérez explicou que o número de intervencións do parque de bombeiros da Limia ascende ás 131, o parque de bombeiros de Valdeorras a 156, o da comarca de Verín ascende ás 180, e o parque de bombeiros do Carballiño – O Ribeiro é o que maior número de intervencións realizou durante este ano chegando ás 268. “En total, o Consorcio realizou 675 intervencións o que o sitúa e consolida como “o eixo vertebrador das emerxencias provinciais”, sinalou o presidente do Consorcio.

 

Artigos relacionados

Back to top button