SanidadeÚltima hora

O consumo de tabaco nos mozos entre 14 e 18 anos diminuíu un 13 % en dez anos

O colexio Divina Pastora celebrou hoxe, 31 de maio, o Día Mundial Sen Tabaco establecido neste día pola Organización Mundial da Saúde
O lema deste ano é “O tabaco é unha ameaza para a saúde”.

No colexio plurilingüe Divina Pastora de Ourense celebraron hoxe, 31 de maio, un acto con motivo do Día Mundial Sen Tabaco no que participaron a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, a xefa territorial de Sanidade, María Villar e o concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo. Este día celébrase cada 31 de maio convocado pola OMS co obxectivo de sensibilizar á poboación fronte ao tabaquismo, principal factor de risco en moitas enfermidades crónicas e claramente evitable. O lema escollido para este ano é “O tabaco é unha ameaza para todos”.

Díaz e Villar, compartiron cos alumnos de seis aulas de 1º e 2º da ESO a lectura dun manifesto e a posta en escena do lema elixido para este ano a cargo dos escolares.

Díaz Mouteira solicitou a colaboración da mocidade para loitar contra o tabaquismo e os seus efectos nocivos na saúde. Na súa intervención referiuse aos datos reflectidos na última enquisa ESTUDES no curso 2014-2015, e que confirman o descenso continuado no consumo nos adolescentes entre 14 e 18 anos, pasando do 21% de fumadores diarios, rexistrado en 2004, ao 8,9% en 2015. Esta diminución non se rexistra nos maiores de 18 anos, nos que o consumo diario de tabaco segue estabilizado en valores próximos ao 30% . Segundo datos do Ministerio de Sanidade, na actualidade a percepción de risco ante o consumo diario de tabaco estabilízase e case a totalidade (89,7%) da mocidade opina que pode producir moitos problemas de saúde. Así, observase como o aumento da percepción deste risco coincide cun descenso das prevalencias de consumo.

José Araújo, Marisol Díaz e María Villar. 

Malia esta tendencia descendente, a delegada territorial apuntou que “non podemos baixar a garda, xa que segundo os últimos datos da enquisa sobre condutas de risco na poboación galega (SICRI) realizada en 2015 o tabaco é o factor de risco evitable que máis mortalidade causa en Galicia”.

Marisol Díaz indicou que estes datos, malia aos logros acadados na loita contra esta epidemia, motivan a continuidade das diferentes actuacións realizadas pola Xunta de Galicia dende o ano 1993, no que se inicia o “Programa galego de vida sen tabaco”, tanto de prevención, promoción ou tratamento do tabaquismo.

Actividades de sensibilización

Neste senso, a máxima representante do Goberno galego subliñou que na provincia de Ourense, dentro das actividades específicas de prevención do tabaquismo no ámbito escolar, este ano convocouse unha nova edición do concurso “Clase sen fume” na que participaron 428 de 8 centros. Tamén na provincia de Ourense durante este curso escolar 3.758 alumnos de 93 aulas dos catro niveis da ensinanza obrigatoria de secundaria de 17 centros educativos participaron na actividade de prevención de trastornos aditivos ofertada pola Xefatura Territorial de Sanidade denominada “Adolescentes e adiccións. Estratexias de prevención” que ten como obxectivo reducir a morbilidade e os problemas sociais relacionados coas adiccións modificando ás falsas crenzas e as actitudes permisivas dos nosos adolescentes fronte ás drogas e ás novas tecnoloxías.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button