ConcellosRibadaviaÚltima hora

O conxunto histórico de Ribadavia, declarado área Rexurbe

Este trámite permitirá realizar actuacións públicas e privadas dirixidas á mellora de inmobles e espazos públicos

Praza principal do casco histórico de Ribadavia. / Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns, 20 de xullo, a resolución pola cal se declara área Rexurbe ao Conxunto Histórico de Ribadavia. Este título permitirá realizar accións tanto públicas como privadas destinadas á restauración dos inmobles da zona que presenten deficiencias e á mellora dos espazos públicos. Tamén contempla a creación de novas medidas sociais, ambientais e económicas dirixidas á mellora da creación de vida e dinamización demográfica e laboral. Ribadavia é a terceira área Rexurbe que declara a Xunta en Galicia, por detrás de Mondoñedo e a cidade da Coruña.

A área inclúe todo o ámbito do conxunto histórico da vila que ademáis conta cunha área de rehabilitación integral (ARI). Segundo a memoria presentada polo Concello, a zona é de 0,108 quilómetros cadrados que comprenden 459 edificios cun total de 709. Un total de 263 atópanse en estado deficiente, malo ou ruinoso.

Unha vez realizada á declaración da nova área Rexurbe, o Concello terá que redactar un plan de dinamización onde se especifiquen as medidas a adoptar e as actuacións que deberán acometerse, o custe das mesmas e as fontes de financiamento. O plan será sometido a consultas cos organismos que se inclúan nel antes de sometelo á aprobación do Consello da Xunta, momento no que se permitirá o inicio destas actuacións.

 

Artigos relacionados

Back to top button