ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

O Córgomo ao que cantou Florencio, “capital universal da lingua galega” neste 17 de maio

Esta localidade valdeorresa acollía neste mediodía o pleno extraordinario e aberto da RAG para celebrar as Letras Galegas e render homenaxe a Delgado Gurriarán

 

Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a aldea na que o poeta Florencio Delgado Gurriarán nacía en 1903 e que se mantivo moi presente na súa vida e na súa literatura, convertíase neste 17 de maio no centro literario de Galicia e da lingua galega. Na súa Aira dos Bolos, chea de veciños, autoridades (entre elas os presidentes do Parlamento de Galicia e da Xunta) e tamén coa asistencia da familia mexicana e galega do autor, principiaba pasadas as 13h. a sesión extraordinaria e pública da Real Academia Galega (RAG) con motivo do Día das Letras Galegas. O seu limiar era unha actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que intepretaba entre outras pezas, o himno do antigo Reino de Galicia.

 

 

“Córgomo é hoxe a capital das letras galegas para todo o mundo, capital dunha lingua que nos une e nos identifica, na que nos recoñecemos e na que viaxamos xuntos no río do tempo”, dicía o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes.

 

 

No inicio do acto a secretaria da RAG, Margarita Ledo Andión, daba lectura á certificación do acordo no que se determinaba a elección de Delgado Gurriarán como escritor homenaxeado no 17 de maio 2022. A continuación tres académicos, os mesmos que propuxeron ao poeta corgomés para esta homenaxe, comezaban as súas intervencións: Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero.

 

O presidente da RAG, intervindo no acto.

 

O primeiro en tomar a palabra era Ramón Villares, confensando que “moito celebro estar hoxe aquí, na terra de Valdeorras, que Florencio Delgado Gurriarán tanto cantou e amou porque me permite rescatar nesta solemne actuación académica algúns trazos dunha executoria cultural e política sólida, coherente, como fixo patente a primeira e máis completa biografía que o seu parente, aquí presente, Ricardo Gurriarán escribeu”.

Do percurso biográfico do poeta, Villares seleccionaba e abordaba na súa disertación “tres lances singulares e moi concisos: a súa formación como galeguista en terras de Valdeorras, unha segunda etapa que foi a súa fuxida e retorno á fronte republicana en Barcelona e en terceiro lugar os tempos do exilio en México. A pesar das moitas estaxes polas que pasou, entre adversidades e algún golpe de sorte, a súa biografía foi un exemplo de coherencia e de compromiso, como el dixo na famosa entrevista con Dolors Pla en 1978: yo soy un hombre de ideales, no de partido”.

 

O académico Ramón Villares.

 

Ademais, resaltaba como un dos feitos “máis heroicos da súa biografía” que este valdeorrés logrou organizar a saída de galegos cara América, “conseguiu salvar a moitos paisanos coa axuda de poucas persoas, un enlace fundamental na Arxentina, Rodolfo Prada, e a solidariedade dos emigrados en América, que achegaron fondos a través das Sociedades Hispano-Confederadas de Nova York”. E contaba como, a medida que as súas esperanzas de voltar a Valdeorras “ficaban choídas”, o poeta “tomou certa distancia, que non ruptura, cos medios do exilio de México DF, instalouse en Nueva Galicia e recuperou o contacto con vellos amigos do exilio en 1981”, cando foi nomeado académico correspondente da RAG e membro de honra do Instituto de Estudios Valdeorreses. “Volver a Valdeorras foi máis ca un retorno. Foi pechar un círculo aberto na súa infancia e cultivado nos anos de mocidade antes da guerra civil”, finalizaba Villares.

“O poeta de Valdeorras”

Dende a perspectiva lingüística abordaba a condición poética do autor valdeorrés a académica Rosario Álvarez, cunha intervención titulada “Florencio Delgado Gurriarán, poeta de Valdeorras” e que se iniciaba con palabras dirixidas aos veciños “que gardades e mantedes acesa a memoria de Florencio”, a quen cualificaba como “bo fillo de Córgomo”.

Delgado Gurriarán, aseguraba esta académica, “é o poeta de Valdeorras, e ademais do creador e activista que, entre a cultura e a política, desenvolveu unha intensa actividade a prol de Galicia dende o exilio mexicano, dous trazos que entrelazados contribúen por igual a caracterizar ao noso homenaxeado”. E incidía en que “certamente é imposible achegarse á poesía de Florencio sen percibir a emoción que evoca as paisaxes e as vivencias da terra amada”.

 

Rosario Álvarez.

 

Ademais explicaba que Florencio “non é un autor que escriba nin intente escribir nunha variedade local ou comarcal do galego, el aposta por un modelo idiomático que debe ser supradialectal, translocal, nacional, que debe procurar a enxebreza sen por iso afastarse artificiosamente do uso común e da doada comprensión dos falantes. Un galego desacomplexado que non se automutile cun trabucado impulso diferencialista, un galego que debe beber da lingua do pobo, máis sen alentar ningunha sorte de minifundio lingüístico, un galego que ten que aspirar á universalidade sen perder a súa esencia, en definitiva, un galego que debe trascender os espazos da cultura tradicional para ser vehículo de cultura en todas as formas de expresión e en todos os ámbitos para todos os galegos e galegas na Galicia Infinda”.

Se ben Rosario Álvarez amosaba, con multitude de exemplos, que no léxico do poeta hai “unha sólida base de Valdeorras” e que a súa “comuñón coa natureza nativa está expresada empregando de preferencia palabras valdeorresas”; tamén matizaba que “as palabras da tribo deixan espazo sempre para outras que, para a mesma realidade, son aprendidas aquí e acolá por medio da lectura e do intercambio con falantes doutras terras galegas, non esquezamos que el pasou a maior parte da súa vida fóra de Galicia”.

 

 

No final do seu discurso a académica expresaba o seu desexo e anhelo de que “neste ano con tantas persoas dedicadas ao estudo da súa obra, poidamos poñer de manifesto a importancia relativa dos dous aportes no seu modelo lingüístico” e, sobre todo, “poñer en valor a súa contribución á elaboración do estándar galego nas décadas centrais e fundamentais do século XX”.

“O poeta das cousas e o poeta das causas”

A terceira das intervencións desta sesion extraordinaria da RAG corría a cargo de Xesús Alonso Montero, quen se centraba nunha etapa moi concreta e inicial da produción poética de Delgado Gurriarán: dende 1931, cando se estreou como poeta público, ata 1934. Con este achegamento propoñíase “deslindar dous tipos de composicións que estiveron moi presentes dun xeito moi especial na primeira etapa pública da súa carreira literaria”.

Así, Alonso Montero sinalaba que Delgado Gurriarán compoñía dende 1931 e publicaba na prensa “poemas das terras de Valdeorras, ou sexa matrióticos, que incorpora en 1934 ao seu primeiro libro Bebedeira, que é un canto á paisaxe da súa comarca natal e ás súas cousas, pero entre 1931 e 1934 nos mesmos rotativos publica outro tipo de poemas, algúns decididamente comprometidos”. E como mostra citaba “Xuntanza”, de decembro de 1931, “unha especie de manifesto político en verso. Neste texto non é o poeta das cousas, senón o poeta da causas, concretamente da causa política da galeguidade”.

 

Xesús Alonso Montero.

 

 

Deste xeito, nese período de catro anos, o valdeorrés transitaba “con naturalidade da poesía das cousas á das causas, porque quen goza coas cousas non debe eludir as causas para que as cousas pervivan e florezan”. Ao mesmo tempo, nesa etapa Delgado Gurriarán escribe e publica tres poemas “que ben podemos chamar sociolingüísticos, que denuncian o desleigamento idiomático de certos sectores e individuos, poeta das cousas ante o idioma é un poeta das cousas, dos tres poemas o máis citable é “Falan castelán” de abril de 1934”, apuntaba Alonso Montero, matizando que este tipo de poemas constitúen “unha modalidade da poesía patriótica”, que non aparece en Bebedeira. “Neste volume só recolle a poesía matriótica, na liña hilozoísta estreada por Amado Carballo. Creo que opta para presentarse na sociedade literaria definíndose como poeta das cousas”, plantexaba Alonso Montero.

O académico remataba a súa alocución cun dos 32 poemas de Bebedeira,  “Tristura do souto mudo”, de 68 versos nos que “canta e gaba aos castiñeiros, un canto á paisaxe valdeorresa, pero nesta composición hai un drama, o poeta decátase de que os reiseñores e outras aves fuxiron porque o vello souto foi invadido por árbores alleas, procedentes de terras extrañas, o eucalipto”, polo tanto unha composión na que tamén latexa a denuncia.

 

Freixanes: “Non son poucos os desafíos que os novos tempos presentan para o galego”

Xa no remate da sesión plenaria, o presidente da RAG volvía tomar a palabra para dar paso a un amplo abano de agradecementos, entre eles á familia mexicana de Florencio, representada no acto polas súas fillas Celia, Maruxa e Carmiña Gurriarán, así como polo seu neto Roberto e a súa dona Sara, chegados dende México e Estados Unidos para esta homenaxe. Ademais, Freixanes enviaba un saúdo afectuoso á viúva de Florencio, Celia Teijeiro.

Agradecemento tamén do presidente da RAG ás institucións e á sociedade valdeorresa que tivo “un papel especialmente activo como animadora e difusora da memoria de Delgado Gurriarán para que esta celebración fose posible” e ao Concello de Vilamartín de Valdeorras, que “exerceu de anfitrión dunha celebración que continuou na aldea cunha festa en comunidade, como lle gustaría ao homenaxeado, unha persoa que todo o mundo lembra como vital, alegre e amante da música e do baile”.

 

Anxo Baranga, un dos primeiros promotores da iniciativa dunhas Letras Galegas para Florencio.

 

Ademais, Víctor F. Freixanes dirixíase ao novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, lembrando que a “Real Academia Galega, que ten a encomenda institucional de velar pola lingua, facemos votos para que poidamos abrir novas vías de colaboración a prol do idioma que nos ocupa e que nos preocupa. Non son poucos os desafíos que os novos tempos presentan. Se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos, marca de identidade por riba das siglas e diferenzas, oxalá saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento, integrando todos os axentes sociais que poidamos sumar”.

 

 

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez.

 

O pleno concluía coa interpretación do himno galego por parte da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e, tras el, antes das fotos finais, o presidente da Xunta dirixía unhas breves palabras de agradecemento ás entidades promotoras deste acto e á veciñanza. Despois, Córgomo ofrecía unha comida nas súas rúas aos asistentes ao acto.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button