CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Correlingua chega este ano a Ourense con Aldaolado como protagonistas

A 20 edición desta festa da lingua galega terá lugar no IES As Lagoas e será retransmitida en YouTube

Aldaolado son as protagonistas do Correlingua 2020.

 

Aldaolado, o dúo artístico formado por Lucía Aldao e María Lado será o protagonista da parada de Correlingua en Ourense, no ano no que esta actividade educativa e festiva a favor dos dereitos do uso da lingua galega, cumpre vinte edicións. Como mestre de cerimonias participará Xosé Manoel Afonso e antes do inicio do espectáculo se poderá ver o vídeo que gañou o premio Correlingua na categoría de secundaria, titulado EBI e que foi realizado por alumnos do CPR Seminario Menor de Ourense.

As actividades desta vixésimo edición do Correlingua foron adiadas na pasada primavera por causa da pandemia e recuperadas para celebrar no mes de novembro orientadas as transmisións en redes e realizadas en espazos seguros e con todas as medidas de prevencións esixidas, incluíndo as limitacións de alumnado nos recitais.

Organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, trátase dunha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que nestes 20 anos de traxectoria acumulou diferentes recoñecementos, entre os que destaca o Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, polo seu “destacado compromiso coa lingua, capacidade de introducir o galego desde a infancia entre as máis cativas e cativos e por manter ese uso vivo a medida que medran a través de múltiples actividades”.

Cada ano son máis de 20.000 nenos e mozos os que participan nas actividades desenvolvidas arredor da celebración do Correlingua e mesmo hai casos de persoas que tendo participado nun Correlingua como alumnos xa tiveron a oportunidade participar como Mestres. Neste sentido, hai quen considera que o mesmo que no seu día houbo unha xeración Xabarín, agora podemos falar xa dunha Xeración Correlingua.

A cita será mañá, venres 27 de novembro no IES As Lagoas a partir das 12:30h. e poderá seguirse a través da canle de YouTube: https://youtu.be/E_VVd4l-PcU

Artigos relacionados

Back to top button