Publicidade
CulturaCulturaOpiniónÚltima hora

O cosmopolitismo empeza pola casa

Artigo do vianés Pedro Basalo Bembibre sobre a Mascarada Ibérica de Viana e Vilariño de Conso

Boteiro coa bandeira de Sardeña de fondo (foto de César Rodríguez).

 

A humanidade é diversa, pero as súas necesidades, medos e desexos son os mesmos. Só deste xeito se explica que un gran número de mascaradas do mundo enteiro compartan tantos trazos comúns. Se moitas delas se conservaron ata os nosos días é porque constitúen un elemento fundamental para a identidade das súas comunidades portadoras.

Con plena consciencia desas premisas, naceu en 2015 a Mascarada Ibérica, un evento organizado conxuntamente por asociacións de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Este encontro ofrece unha representación de diferentes mascaradas de inverno da Península, é dicir, de figuras enmascaradas do folclore español e portugués que aparecen e levan a cabo os seus rituais entre o mes de decembro e o tempo do Entroido. Ademais, para a sexta edición da Mascarada, haberá tamén por primeira vez un grupo de fóra da península Ibérica proveniente de Italia, concretamente, da illa de Sardeña.

Así pois, en 2020 o evento ampliará o programa e pasará a chamarse Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask. Ora ben, esta modificación do formato, que pretende implicarse máis na faceta cultural, en ningún caso altera o compromiso inicial da Mascarada á hora de velar pola diversidade, integridade e concienciación sobre a importancia das tradicións. Non en van ViBoMask é actualmente a maior concentración de enmascarados en canto a número de grupos participantes de toda a península Ibérica. Nun mundo que cada vez tende máis á uniformización cultural e á centralización, este festival non só aposta pola diversidade como estandarte, senón tamén polo ámbito rural como un espazo digno e apto para acoller iniciativas deste tipo.

Á parte das cuestións patrimoniais, convén salientar un detalle que se adoita pasar por alto e, se cadra, é a pedra angular e a razón pola que esta mascarada crece ano tras ano: a camaradaría e a amizade entre os participantes. Porque as tradicións fanas as persoas e o seu futuro depende da implicación verdadeira e desinteresada por parte das comunidades portadoras. Ese consenso á hora de salvagadar cadansúa herdanza cultural é o que irmanda ós grupos e fomenta o intercambio de visitas entre eles. Ademais, é precisamente nesas xuntanzas onde emerxen de forma espontánea valores universais como a cortesía, a hospitalidade ou a solidariedade (eses que as sociedades rurais de antano tanto respectaban).

Á vista dos argumentos expostos, o talante cosmopolita deste festival queda ben probado. É certo que tradicionalmente o cosmopolitismo vinculábase a un elitismo urbano e a un certo esnobismo, mais, nos nosos tempos, é preciso que supere eses atrancos e defenda unha actitude de apertura baseada no desexo sincero de comprende-lo outro. De aí que ViBoMask participe dunha vocación “glocal” (global e local), é dicir, aspira a ser un evento de referencia internacional, pero sen renunciar ás raíces locais.

Este é o cosmopolitismo de ViBoMask, o que entende as tradicións como algo exclusivo, pero non excluínte, como un exercicio de empatía que demostra que non hai tradicións mellores que outras. Cada un trae a súa riqueza para xerar máis riqueza. Non sempre hai que viaxar lonxe para atopar unha experiencia fondamente enriquecedora, moitas veces o cosmopolitismo empeza pola casa.

*O presente artigo toma moitas ideas do formidable ensaio Identidades asasinas, de Amin Maalouf.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close