CulturaCulturaÚltima hora

O Couto Mixto, unha terra singular

Artigo de José Rodríguez Cruz
Estatua dedicada a Delfín Modesto Brandón, derradeiro xuíz do Couto Mixto, en Santiago de Rubiás, obra do escultor vigués José Molares (2008)./ Foto: José Rodríguez Cruz.
Estatua dedicada a Delfín Modesto Brandón, derradeiro xuíz do Couto Mixto, en Santiago de Rubiás, obra do escultor vigués José Molares (2008)./ Foto: José Rodríguez Cruz.

Como vén sendo costume, contra o mediodía da primeira fin de semana do mes de xullo celébrase na igrexa de Santiago de Rubiás (Calvos de Randín) o acto solemne de investimento dos novos xuíces honorarios do Couto Mixto. Un recoñecemento organizado pola Asociación de Amigos do Couto Mixto que se lle fai a persoas e institucións que destacan na súa traxectoria por traballar a prol das particularidades que definen a este enclave e ao resto da zona da fronteira galego-portuguesa, con plans, estudos ou proxectos de colaboración transfronteiriza, antropolóxicos, etnográficos, etc., etc.

Co fin de recuperar e difundir a súa memoria histórica, coido que, se non me engano, foi sobre o ano 1998 que xermolou a Asociación de Amigos do Couto Mixto, entidade que organiza esta e outras actividades relacionadas con esta terra singular, e que actualmente preside Luís Manuel García Mañá. Desde o ano 2000 é que esta asociación nomea anualmente a tres Xuíces Honorarios, aos que se lle fai entrega dos seus atributos simbólicos, un bastón de mando, un diploma acreditativo de tan senlleiro título e tamén unha chave en lembranza da que tiña cada Home de Acordo, para abrir a denominada “arca das tres chaves” onde se gardaba a documentación do Couto Mixto.

Desde aquela xa son moitas as persoas e as institucións que recibiron este recoñecemento, pero a Asociación de Amigos do Couto Mixto, á que teño a honra de pertencer, tamén ten como fins a promoción de actividades culturais, publicación de estudos de investigación, cursos de verán en estreita colaboración coas universidades de Vigo e de Trás-Os-Montes…, sempre vencellados o enclave histórico.

No acto do día catro de xullo serán investidos como novos Xuíces Honorarios do Couto Mixto José Lamela Bautista, exalcalde do concello de Lobios e investigador que ten no seu haber un importante número de estudos relacionados coa historia e antropoloxía da Raia, entre os que eu destacaría El Xurés y sus misterios (2000); Concepción Sanz Ferreiro, nada en Lobeira, pero residente en Meaus desde cativa, mestra de profesión, é autora do libro Meaus, mi aldea (2014), no que debulla aspectos históricos e etnográficos sobre este lugar; tamén serán recoñecidos co mesmo título a Câmara Municipal de Vilanova de Cerveira (Portugal) e o concello de Tomiño (Pontevedra), municipios encadrados na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que teñen destacado no labor da promoción de iniciativas mancomunadas, compartindo e poñendo en valor os recursos propios destas terras veciñas para beneficio dos seus habitantes. Hai que dicir que este ano o acto ten como novidade o nomeamento da figura do vigairo (antigo auxiliar do Xuíz do Couto Mixto), que vai recaer nos compoñentes do grupo local Gaiteiros da Raia.

Polo que significou en tempos recuados, moitos son os apelativos empregados para definir este territorio: Andorra Galega, República dos Soños, Terra de Ninguén, República Independente, República esquecida… O Couto Mixto foi un territorio que ao longo da historia gozou cunha identidade propia en canto á súa organización xurídica e de organización popular, con dereitos ou privilexios dos que carecían outros territorios.

Sabemos da súa longa historia polo labor de documentación e de publicacións relacionadas con este enclave da autoría de Luís Manuel García Mañá, véxase, por exemplo, O Couto Mixto, unha república esquecida (Universidade de Vigo, 2000), a descrición socioeconómica feita por Máximo Salinas Valencia en O Couto Mixto, o seu contorno arraiano e os Pobos Promíscuos (2002), ou mesmo o traballo titulado Historieta del Coto Mixto (imprenta Tierra Gallega, A Coruña, 1907) de Delfín Modesto Brandón, derradeiro Xuíz do Couto Mixto.

Imaxe da Arca das Tres Chaves, arquivo do Couto Mixto./ Foto: José Rodríguez Cruz.
Imaxe da Arca das Tres Chaves, arquivo do Couto Mixto./ Foto: José Rodríguez Cruz.

Dereitos e privilexios destacados eran os de non aportar soldados ao exército, de asilo para fuxidos das xustizas lusa e española, liberdade para certos cultivos como o tabaco, por exemplo, liberdade de comercio (por exe. o sal, en estanco noutros lugares), exección de impostos, había o chamado Camiño Privilexiado, que desde o Couto levaba a Tourém, polo que se transportaban diferentes mercadorías de maneira inmune ao control dos dous países, etc., etc. Dise que territorio con orixes no século XII, que co Tratado de Lindes (asinado en 1864, logo ratificado e vixente desde 1868) remata esta institución, os pobos do Couto Mixto pasaban a depender de España e os chamados Pobos Promíscuos, Soutelinho da Raia, Cambedo da Raia e Lamadarcos, a Portugal.

Coas súas actividades a Asociación de Amigos do Couto Mixto trata de manter viva a memoria deste singular enclave raiano, que conta desde 2011 co Himno do Couto Mixto, agasallo da cantora luso galaica María do Ceo e letra de Armando González L., que reproducimos a seguir:

HIMNO DO COUTO MIXTO
Letra: Armando González L.
Música: María do Ceo

Anaco de Terra enteira
sementada de esperanza,
longas metraxes de verbas
pentagrama azul e branca…

Paréntese na cobiza,
entelequia libertaria…
De Portugal a Galiza,
de Galiza a Lusitania.

Patria do son e das sombras,
apátrida matriarca,
tes oliveira nas pombas,
fronteiras de pedra e auga.

Por cetro unha arca vella.
por ceo e trono: o corisco,
o pobo é quen máis ordena
dentro de ti, Couto Mixto.

Artigos relacionados

Back to top button