EconomíaEconomíaÚltima hora

O “coworking” CIS Madeira de Ourense estará especializado no sector forestal

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nun almorzo informativo con AJE para informarlles das ferramentas da Xunta en materia de xeración de emprego
Foto de grupo dos asistentes ao almorzo.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe, 28 de xuño, nun almorzo organizado por AJE Ourense (Asociación de Jóvenes empresarios) no que, ademais de escoitar de primeira man as principais demandas do tecido empresarial, informou sobre as ferramentas das que dispón a Xunta para innovar e xerar emprego en Galicia contribuíndo, desta maneira, ao crecemento económico de Galicia.

Deste xeito, avanzou que o CIS Madeira, emprazado en Ourense, será a sede do novo coworking que porá en marcha a Xunta, en colaboración coa EOI, e que estará especializado no sector forestal. En palabras de Conde, o CIS Madeira “será o motor para impulsar novos proxectos neste ámbito no que os empresarios máis novos xogarán tamén un papel decisivo”. En xullo lanzarase a primeira convocatoria co obxectivo de que en setembro arranque a aceleradora con 16 proxectos seleccionados que a Administración autonómica tutelará.

O Conselleiro sinalou que esta actuación enmárcase no obxectivo do Goberno galego de impulsar a industrialización deste sector a través da Axencia Galega da Industria Forestal.

Esta iniciativa formará parte da Rede Galega de Aceleradoras coa que a Xunta está impulsando o talento e coa que se levan mobilizado 14 millóns en catro anos. Destacou que a nova aceleradora do CIS Madeira se suma aos outros seis espazos coworking que a Xunta organiza en colaboración coa EOI en diversos concellos, entre eles Celanova, onde xa se está a desenvolver con 22 proxectos de 35 emprendedores.

Conde tamén gabou o importante labor de asesoramento da Asociación Empresarial de Xoves Empresarios de Ourense ás novas xeracións de empresarios, destacando a importancia de manter sempre aberta unha canle de diálogo entre o tecido empresarial e a Administración galega, xa que indicou que colectivos como AJE Ourense son os que coñecen as necesidades do centenar de empresas ás que representa. AJE Ourense é, ademais, membro activo da Confederación de Empresarios de Ourense e da Federación de Xoves Empresarios de Galicia (Fegaxe).

O Conselleiro puxo en valor os mecanismos da Consellería en materia de creación de emprego.

O titular de Economía, ao longo da xuntanza, puxo en valor os mecanismos do Goberno galego para apoiar o emprendemento, o talento, a creación de solo industrial e a transformación tecnolóxica a través das TIC.

En canto ao eido do emprendemento, afirmou que Galicia “é unha terra de oportunidades” e, por iso, durante a súa intervención, anunciou que 10 proxectos, dos que dous pertencen á provincia ourensá, participarán na segunda edición de Agrobiotech, aceleradora que ten unha das súas sedes principais no Parque Tecnolóxico de Galicia e busca apoiar ás pemes innovadoras galegas dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa. Por sectores de actividade, a metade son empresas biotecnolóxicas; un 40% da industria agroalimentaria e o 10% restante son solicitudes a pemes do ámbito da biomasa.

A Xunta tamén ten en marcha diversos programas para que na Comunidade sexa máis doado emprender, como o Galicia Rural Emprende para fixar poboación e tecido industrial no rural e para que a oferta formativa responda ás necesidades empresarias das zonas menos poboadas de Galicia. Este plan inclúe axudas máximas de ata 70.000 euros para poñer en marcha unha empresa non agrícola no rural.

Para favorecer o emprendemento, a Xunta dispón da Oficina Doing Business, a rede galega de mentores e a de cooperativas, e das medidas dirixidas aos autónomos a través da Estratexia Autónomo 2020. Ao respecto, recordou que a través do Sistema de Garantía Xuvenil existen axudas para os menores de 30 anos de entre 4.000 e 8.000 euros sen necesidade de achegar un investimento mínimo e para todos os autónomos hai apoios de 5.000 euros para a contratación indefinida do primeiro traballador e de 6.000 para o segundo e terceiro.

A economía en Ourense

En Ourense creáronse o pasado ano 460 empresas, un 17% máis que o ano anterior, e ata o 31 de maio deste ano foron 203 as novas sociedades rexistradas. Así mesmo, un 11,4% do total de autónomos de Galicia traballan en Ourense. Outros datos que reflicten a boa marcha da economía ourensá é a taxa de desemprego, que baixou na provincia en 2,4 puntos no primeiro trimestre do ano e a taxa de ocupación mellorou en case dous puntos.

Artigos relacionados

Back to top button