EconomíaEconomíaÚltima hora

O coworking do CIS Madeira, no Parque Tecnolóxico, aposta pola industria forestal galega

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, estableceu como “prioritario” este sector neste espazo da Tecnópole
O centro de coworking está no Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou pola incorporación de ideas innovadoras para o desenvolvemento da industria forestal galega durante a presentación da iniciativa do coworking específico deste sector, realizada hoxe, 10 de xullo, no Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira) en San Cibrao das Viñas.

Na súa intervención, o conselleiro destacou que esta nova aceleradora de empresas, que conta coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI), estará centrada no sector forestal, “prioritario para a política industrial da Xunta”, e que se enmarca dentro das actividades do Goberno galego de apoio ao emprendemento, á innovación e ao desenvolvemento de novos proxectos vinculados a sectores produtivos da economía da comunidade. Así, explicou que a provincia de Ourense conta cun 80% de superficie forestal e que supón o 21% de toda Galicia.

Conde indicou que este mesmo mes de xullo se abrirá a convocatoria para inscribirse neste coworking -que se situará no CIS Madeira- para que a actividade comece en setembro con 16 proxectos que potencien o aproveitamento sustentable dos recursos forestais, exploren novos usos da madeira e introduzan a innovación para acadar unha maior expansión comercial. Ademais, contará, para a coordinación das actuacións, co Clúster da Madeira, os colexios oficiais de enxeñeiros deste ámbito e coa Universidade co fin de poñer en valor o sector forestal.

Neste sentido, o conselleiro lembrou a súa importancia, xa que dá traballo a 70.000 galegos e está formado por 3.000 empresas que acadan un nivel de exportacións próximo aos 770 millóns de euros. Por este motivo, seguiranse dando novos pasos co obxectivo de conseguir un futuro sustentable e competitivo para esta industria, como coa Axencia Galega da Industria Forestal, para traballar pola competitividade das empresas. “O monte é patrimonio e paisaxe, pero tamén economía”, asegurou Conde e engadiu que hai que aproveitar esta riqueza para desenvolver, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, un apoio específico tanto para o sector como para o medio rural.

O coworking que hoxe se presentou súmase aos existentes, en colaboración coa EOI, en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Santiago, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Celanova que comezaron xa a súa segunda edición cun total de 163 emprendedores que desenvolven 124 proxectos, tras o éxito da primeira edición na que participaron 139 persoas. E tamén a outras aceleradoras como Vía Galicia, Business Factory Auto, Galicia Open Future, Connecting for Good Galicia ou Agrobiotech. O obxectivo é impulsar as novas iniciativas empresariais ofrecendo aos emprendedores lugares onde madurar as súas ideas de negocio para asegurar a súa viabilidade.

Artigos relacionados

Back to top button