EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O CRDO Valdeorras aproba un presuposto de case 550.000 euros que se centrará na promoción

O Consello Regulador ten previsto organizar unha viaxe á comarca de xornalistas, bloggers e influencers especializados en viño
Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

A case 550.000 euros ascende o orzamento do Consello Regulador da DO Valdeorras para o exercicio do 2018, que vén de ser aprobado polo Pleno na reunión celebrada na mañá do 14 de marzo en Vilamartín. Un presuposto que se centrará principalmente na promoción. “O obxectivo é que os viños valdeorreses conquisten novos espazos nos mercados galego e español e, mesmo, no internacional”, asegurou o presidente do Consello, José Luis García Pando.

O Pleno tamén deu luz verde á presenza dos viños de Valdeorras en diferentes foro europeos como a feira alemana de Prowein e na London Wine Fair británica onde o Consello Regulador contará cun espazo expositor; e en mostras nacionais como o salón San Sebastián Gastronomika, que se celebrará en outubro en Donosti, ou o foro Enofusión a comezos do vindeiro ano en Madrid.

Dentro das accións promocionais previstas, tal como adiantan dende o Consello, está realizar presentacións da nova colleita de Valdeorras en xullo, na Coruña, e en novembro, en Madrid. Tamén en xullo se desenvolverá a XXI edición da Feira do Viño de Valdeorras e, segundo destacou García Pando, porase en marcha unha acción promocional concreta no mercado andaluz durante o outono.

Entre as previsións do Consello Regulador está ademais a organización dunha viaxe para traer ata a comarca de Valdeorras a un grupo xornalistas, bloggers e influencers especializados no mundo do viño, “que axuden a divulgar as singularidades dos nosos brancos e tintos e actúen como potenciais prescritores”, indicou García Pando.

 

Artigos relacionados

Back to top button