EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O CRDO Valdeorras comeza os trámites para modificar o sistema do control de vendima

O cambio, que obedece ás esixencias da ENAC, suporá que serán as empresas vinícolas as que terán a responsabilidade no control dos provedores da uva
Labores de vendima en Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

Na sesión que o pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras celebraba na mañá do 11 de maio estudábase unha proposta de modificación do sistema de control da vendima co obxecto de axustalo aos requirimentos da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).

“Diferentes consellos reguladores galegos, como o das Rías Baixas ou o da Ribeira Sacra, levan xa a cabo de forma exitosa este novo sistema nos seus territorios amparados”, sinala o presidente do CRDO Valdeorras. A filosofía fundamental dos cambios que se acometerán ten que ver con que pasarán a ser as empresas vinícolas (bodegas) as que se responsabilicen principalmente de controlar e inspeccionar a orixe da uva e o cumprimento das cotas.“Éstas serán tamén as encargadas de controlar os seus provedores en vendima” e para iso “o Consello Regulador porá a disposición dos operarios os medios precisos para levalo a cabo”, destaca García Pando. O noso sistema posibilitará ás adegas “asegurara a trazabilidade do produto dende a uva ata a botella”.

 

Sesión plenaria do CRDO Valdeorras./ Foto: CRDO Valdeorras.

 

Ao rematar o pleno, o presidente da D.O. indicaba que proximamente se informará polo miúdo a todas as bodegas valdeorresas dos cambios neste eido. “A de hoxe foi a primeira xuntanza para tratar un asunto que vai ser desenvolvido ao longo de próximos plenos, pois trátase de modificacións con certo grao de complexidade necesarias, en todo caso, para dar cumprimento aos parámetros de ENAC”, afirmou o máximo responsable do Consello Regulador.

Neste mesmo pleno, aprobábase a celebración dun acto promocional na Coruña o vindeiro 2 de xullo, que se desenvolverá no Hotel Finisterre co obxecto de pór en valor o territorio amparado e os seus produtos. O evento incluirá a posta en marcha dun showroom e a degustación de diferentes referencias da zona “co obxecto de achegar os nosos viños aos consumidores finais”, segundo precisou García Pando.

 

Artigos relacionados

Back to top button