EconomíaEconomíaÚltima hora

O cuarto programa Aevaemprego forma a 60 desempregados

Abrangue actividades como a I Semana do Autoemprego, que se desenvolverá do 23 ao 25 de febreiro

aev1

Tendo como punto de partida os bos resultados das súas anteriores convocatorias, a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) está a desenvolver a cuarta edición do programa integrado para o emprego Aevaemprego. Nesta iniciativa, cun ano de duración (de setembro do 2015 a setembro de 2016), pretende “facilitar a inserción laboral do colectivo de desempregados da comarca de Valdeorras que inclúe diversas accións, como formación, orientación laboral e prospección dos mercados”, tal e como explicaba en rolda de prensa na tarde do 18 de febreiro a responsable do programa Aevaemprego, Luisa López, xunto á vicepresidenta de AEVA, María Carmen Rodríguez.

Dende a súa primeira edición, realizada no 2011, a través de Aevaemprego recolocáronse 129 traballadores. O obxectivo desta cuarta convocatoria é recolocar ao 40% dos 60 usuarios participantes. Son desempregados pertecentes a colectivos vulnerables desde o punto de vista da inserción laboral (persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, con baixa cualificación, menores de 30 anos, etc.).

A vicepresidenta de AEVA e a responsable de Aevaemprego, durante a rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.
A vicepresidenta de AEVA e a responsable de Aevaemprego, durante a rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Aevaemprego abrangue un total de 17 accións colectivas e 300 individuais e un total de 136 horas, o que supón unha media de 14 horas de formación por alumno. Esta formación xira ao redor de dous bloques: a busca activa de emprego e o autoemprego. Dentro deste segundo apartado celebrarase a I Semana do Autoemprego, entre os días 22 e 25 de febreiro. “No marco desta semana desenvólvense varias conferencias: “Obradoiro do fomento de cooperativismo e o emprendemento” (día 23), “O futuro do comercio: vendas on-line” (día 24); e “A xuventude e a discapacidade como fortalezas: programa de garantía xuvenil e axudas á contratación” (día 25)”, tal e como detallaba Luisa López.

Asemade este programa conta cunha web de seu: www.aevaemprego4.agenciascolocacion.com (ligada coa web de AEVA) con diferentes seccións: solicitantes, emprendedores, empresas, ofertas de emprego, formación e novas.

Ademais Aevaemprego reporta unha serie de beneficios aos empresarios, xa que lles ofrece unha “xestión integral dos procesos de selección de persoal”, que inclúe “asesoramento laboral no momento da incorporación, información dos tipos de contratos máis vantaxosos, bonificacións e incentivos, axudas, subvencións vixentes así como a súa tramitación”.

Este programa integrado para o emprego está subvencionado pola Xunta de Galicia, e executado e cofinanciado por AEVA.

Artigos relacionados

Back to top button