EconomíaEconomíaÚltima hora

O cumio hispano-luso de gobernos locais potencia a cooperación transfronteiriza

Manuel Baltar salientou o importante papel de Ourense na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Abel Caballero, Manuel Machado e Manuel Baltar.

O convento de Sao Francisco, en Coimbra, acolleu o Cumio hispano-portugués no que participaron o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias e alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o seu homólogo portugués e alcalde de Coimbra, Manuel Machado, así como presidentes provinciais e locais de España e Portugal e o vicepresidente Europeo de Cidades e Gobernos Locais Unidos (CGLU).

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou neste cumio que Ourense “é a provincia máis internacional de España, ao contar con 219 quilómetros de fronteira con Portugal” e subliñou “o papel central da provincia ourensá na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

Na xuntanza determinouse crear un grupo de traballo conxunto, con diferentes comisións, para definir liñas de actuación en cooperación transfronteiriza, infraestruturas, comercio, turismo, cultura e fondos europeos, e tamén se decidiu que os municipios españois e portugueses traballarán xuntos para definir as posicións e demandas que, a medio prazo, defenderán conxuntamente diante das institucións europeas.

Esta reunión de Coimbra serviu para “afianzar o exemplo dunha nova Europa sen fronteiras”, afirmou Manuel Baltar, e os gobernos locais e provinciais de ambos países amosáronse como o “anti-brexit”, a Europa que quere ser unida e forte.

Abel Caballero e Manuel Machado cualificaron como “histórica” esta reunión, dado que é a primeira vez que manteñen unha xuntanza as dúas federacións de entes locais, unha reunión que xera moitas expectativas e que amosa o grande potencial que teñen os territorios locais e provinciais.

O presidente da Deputación de Ourense remarcou a importancia dos temas tratados, “pola relevancia que supoñen para os nosos territorios”, e apuntou que se debateron “asuntos como o tren de Alta Velocidade, a mellora das infraestruturas, e a necesidade de desenvolver posicións conxuntas do Sur de Europa no contexto comunitario”. “O máis destacado é o consenso entre todos para a creación de grupos de traballo en diferentes áreas, algo fundamental para a preparación do próximo marco comunitario”, afirmou Baltar.

Un dos ámbitos destacados no cumio foi o relativo á realidade transfronteiriza, onde a provincia de Ourense xoga un papel importante na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e no que destaca o carácter pioneiro da eurocidade Chaves-Verín. Neste ámbito territorial entre os dous países ábrese un amplo marco de cooperación que fai necesaria a aplicación de fondos. De feito, días pasados Manuel Baltar presentou os proxectos do Programa POCTEP aprobados pola Unión Europea para Ourense, cuxo importe total ascende a seis millóns de euros, dos cales máis dun millón de euros investiranse na provincia de Ourense, co obxectivo de potenciar os ámbitos termais, natural, económico e turístico do territorio ourensán.

Asemade, os responsables provinciais e locais concordaron que diante do reto 2020 é necesario abrir frontes comúns nos ámbitos do comercio, o turismo e a cultura, para defender posicións comúns en materia de fondos europeos.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close