ColaboraciónsOpiniónÚltima hora

O curso comeza con normalidade en toda Galicia

Hoxe anticípome ao titular. Pero quero contarlles o que pasa entre bambalinas. O noso centro tivo a sorte de tocarlle unha reforma integral, pois a súa antigüidade así o aconsellaba. Por diferentes contratempos as obras non puideron comezar ata mediados de xullo.

O día 2 de setembro nos presentamos o profesorado no centro e estaba literalmente patas arriba. Dende ese día e ata hoxe convivimos cos fontaneiros, cristaleiros, albaneis, electricistas, o ruído e o lixo. Ilegalmente transitamos os educadores por un edificio en obras, co único fin de poder comezar o curso con normalidade.

Pero había tanto por facer que o día anterior, o cole, seguía parecendo máis un campo de batalla, como así o atestiguou o propio inspector. Pero a nosa Xefa Territorial xa tiña escrito o seu titular para os medios: o curso comeza en Galicia con total normalidade. Aínda que a lóxica dicía que ás présas todo ía quedar manga por ombro e sen rematar, como así foi.

Pero o profesorado non estaba disposto a un comezo de curso indigno e caótico. Nos puxemos mans á obra e ás 21h., despois de 11h. no centro, deixamos o colexio minimamente presentable para que os nosos representantes poidan hoxe dicir que o curso comeza sen incidencias. Iso si, con cheiro a pintura en moitas aulas, outras aínda sen pintar, as escaleiras sen o chan definitivo, servizo de catering no comedor, as pizarras na metade das aulas sen colgar, multitude de mobles estragados ao movelos os operarios, debido á súa antigüidade e mala calidade, zócalos sen poñer, infinidade de retoques por facer… pero hoxe, 11 de setembro, trataremos de dar o mellor servizo á comunidade escolar. Con dignidade e profesionalidade. Pero de normalidade, nada de nada.

Modesto R. Centrón
Mestre do CEIP. Plurilingüe Condesa de Fenosa
de O Barco de Valdeorras

Artigos relacionados

Back to top button