DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O curso de monitor de fútbol sala impartirase no Barco do 8 de febreiro ao 8 de marzo

O adestrador do Pizarras Los Tres Cuñados FS será o coordinador e un dos profesores

A finais de decembro anunciabamos que a comarca de Valdeorras podería acoller un curso de monitor de fútbol sala para este ano e hoxe confírmase que así será.

A nova dábana en rolda de prensa os responsables do Pizarras Los Tres Cuñados FS e o director da Escola Galega de Adestradores. Acompañado polo director deportivo do club Roberto Rodríguez e polo adestrador do equipo sénior Xocas Miranda, o presidente Santiago Vázquez asegurou que o obxectivo que perseguen con este curso é seguir fortalecendo a política de canteira en fútbol sala para o que “pensamos que é indispensable dispoñer de xente formada que poda levar sobre todo as categorías inferiores, cunha formación reglada de cara á federación, e tamén poder convalidar os títulos que había antigos”.

Manuel Mosquera, en representación da Federación, explicou que o curso incluirá todas as categorías base ata preferente, comezará o 8 de febreiro e rematará o 8 de marzo. “Trátase dun curso curto (65 horas) cun horario moi flexible para que poda asistir toda a xente da zona que o desexe (da comarca de Valdeorras, Viana, Trives e incluso Quiroga) cun custe de 150 euros”. A convocatoria para formalizar as inscricións abrirase mañá na páxina web da Real Federación Galega de Fútbol, futgal.es, tendo ata a primeira semana do curso como prazo para facelo. “Daremos todas as facilidades para que a xente poda asistir e queremos que sexa con profesionais da zona”, dixo. De feito, o coordinador e un dos profesores será o propio Xocas Miranda.

Mosquera fixo fincapé na importancia que terá este curso de cara ao futuro do fútbol sala, asegurando que “será de formación pura e dura” dándolle aos asistentes as ferramentas para despois traballar cos rapaces. Tamén destacou a necesidade de entregar toda a documentación que se requira e sobre todo “que quen se inscriba, asista, senón non se lle dará o título”.

Na presetación tamén estaba presente o concelleiro de Deportes do Barco Aurentino Alonso.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button