ConcellosManzanedaÚltima hora

O delegado da Xunta en Ourense preséntalle ao alcalde de Manzaneda unha proposta de convenio para a mellora do Centro de Saúde

O orzamento previsto é de 75.448 euros que sería financiado a partes iguais pola Xunta e polo Concello

Reunión do delegado da Xunta en Ourense co alcalde de Manzaneda.

 

Na mañá deste xoves 15 de abril o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuníase primeiro co alcalde de Amoeiro, José Luís López, e posteriormente co alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, para presentarlles unha proposta de convenio que permitiría levar a cabo unha mellora integral dos centros de saúde de ámbolos dous concellos.

O orzamento previsto é de algo máis de 14.600 euros no Centro de Saúde de Amoeiro e de 75.448 euros no de Manzaneda. Nos dous casos, sería financiado a partes iguais pola Xunta e polos Concellos ao tratarse de edificios de titularidade municipal.

Tal como explicou o delegado, a Xunta foi a encargada de realizar os informes da situación actual dos edificios e elaborou as propostas de convenio que hoxe se lle presentou aos alcaldes. “Desde o Goberno galego levaríanse a cabo as obras de forma coordinada para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a estes centros”, asegurou Alén Castro.

 

O delegado da Xunta co alcalde de Amoeiro.

 

Así, o delegado territorial da Xunta trasladoulle o informes realizados pola Consellería de Sanidade no que se reflicte a necesidade de levar a cabo as actuacións de rehabilitación da cuberta do centro de saúde de Amoeiro, e de reparación da cuberta, reforma do aseo para a súa adaptación a persoas con mobilidade reducida, substitución da caldeira e cadro xeral de baixa tensión no centro de saúde de Manzaneda.

Gabriel Alén puxo en valor estes investimentos para “mellorar a calidade asistencial dos centros de saúde e para facilitar os seus usos por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para proporcionar aos veciños destes concellos unha atención primaria máis próxima, máis moderna e mellor adaptada ás súas necesidades”, dixo.

Artigos relacionados

Back to top button