OurenseÚltima hora

O delegado da Xunta en Ourense reúnese co alcalde de Ribadavia

Gabriel Alén trasladoulle a César Fernández a implicación do Goberno galego coa vila

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, continúa coa súa rolda de encontros institucionais e na mañá deste luns 22 de febreiro reuníase co alcalde de Ribadavia, César Fernández.

Na xuntanza, Gabriel Alén trasladoulle a César Fernández a “implicación do Goberno galego coa vila de Ribadavia”, e lembroulle o recente investimento de 1,1 M€ na rehabilitación integral do IES O Ribeiro, e de 60.000 euros na mellora da Casa da Cultura.

O delegado territorial tamén aludiu ás achegas en materia de infraestruturas locais para a “substitución da carpintería exterior do Casa do Concello, con 28.000 euros, a habilitación do punto limpo no lugar da Foz con case 32.000 euros, a execución da Brigada de protección e defensa do ambiente e espazos naturais, ou o convenio de eficiencia enerxética na Casa do Concello por un importe de máis de 40.000 euros”.

A Axencia Turismo de Galicia destinou case 80.000 euros para o proxecto de embelecemento do núcleo rural de Sanín. E nesta liña, o representante do Goberno galego referiuse as axudas do Medio Rural na mellora dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, dentro do Plan Marco, “cunha contribución de 26.351 euros, e a pavimentación dos camiños municipais contempladas no Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), cun total de 45.000 euros”.

Así mesmo, Gabriel Alén, trasladoulle o compromiso do Goberno galego cos grandes proxectos de futuro de Ribadavia como é o caso da reforma do Centro de Saúde ao que Sanidade vai destinar 351.500 euros, segundo anunciou o conselleiro Julio García Comesaña este venres na súa visita ao centro sanitario; a aprobación do Plan hURBE co que se acometerá o embelecemento do núcleo rural de Ventosela e a aprobación do novo PIR para continuar coa pavimentación e adecentamento dos camiños municipais.

 

Artigos relacionados

Back to top button