OurenseÚltima hora

O delegado da Xunta en Ourense reúnese cos responsables das AVPC de Castrelo de Miño e Cortegada

Informounos da Orde de cesión de material de emerxencias para concellos de menos de 50.000 habitantes que contan con AVPC, e que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 23 de xullo

 

Ata Castrelo de Miño desprazábase esta mañá o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para manter un encontro cos responsables das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil deste concello e dos voluntarios de Cortegada ao que asistiron tamén ámbolos dous alcaldes, Avelino Pazos e Avelino Luís de Francisco.

O delegado territorial informounos da Orde de cesión de material de emerxencias para concellos de menos de 50.000 habitantes que contan con AVPC, e que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 23 de xullo, pola que os concellos da provincia de Ourense poderán solicitar cinco liñas de axuda para a cesión de material. A liña 1, con 19 vehículos todo terreo pick-up; a liña 2 , con 6 remolques para a atención as emerxencias; a liña 3, con 26 tendas de campaña para emerxencias; a liña 4, con 8 coitelas quitaneves e a liña 5. con 8 esparexedores de sal.

Gabriel Alén tamén destacou a concesión, ao amparo da Orde de subvencións de funcionamento para apoiar economicamente ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil neste ano de 1.299,33 euros a Castrelo de Miño, e de 2.810,91 euros a Cortegada. Dende 2015, ámbalas dúas agrupacións percibiron preto de 25.000 euros para os gastos relacionados co seu funcionamento.
As AVPC de Castrelo de Miño e Cortegada contan na actualidade con máis de 50 voluntarios que atenden os operativos municipais, entre eles a cobertura das distintas probas náuticas que se celebran no encoro de Castrelo de Miño, ou o campionato galego de esquí acuático que se desenvolve no concello de Cortegada. Tamén colaboran solidariamente con operativos de protección civil que realizan fora dos seus concellos.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior xunto a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) cederon a estas AVPC nos últimos anos 2 vehículos todo terreo pick up, 2 remolques de emerxencias, 1 embarcación grande, 1 esparellador de sal, 2 desfibriladores e material para a extinción e control da velutina, que suman un investimento total de 131.363,52 €.

O representante do Goberno galego destacou o traballo que levan a cabo as agrupacións como reforzo dos servizos de emerxencias, especialmente en actividades de prevención, si ben en moitas ocasións son as primeiras en chegar e intervir, prestando unha inestimable colaboración.

Gabriel Alén resaltou os operativos desenvolvidos pos estes voluntarios na loita contra a Covid 19, onde as agrupacións da provincia levaron a cabo numerosos operativos, reparto de alimentos en colaboracións con asuntos sociais, desinfección de lugares de pública concorrencia, axuda e compras a persoas dependentes ou reparto de medicamentos. “Un labor altruísta dos voluntarios, que contribúen a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns, manifestou o delegado territorial; por iso, “a importancia da colaboración da Xunta cos concellos en materia de protección civil e emerxencias para dotalos dun equipamento adecuado que permita acadar unha maior seguridade para os membros dos servizos municipais e, polo tanto dos seus veciños” sentenciou.

74 agrupacións de voluntarios de Protección Civil na provincia

Forman a rede de Protección Civil na provincia de Ourense un total de 74 agrupacións de voluntarios, que a través destas liñas de subvención en especie pola Xunta de Galicia supuxeron nos últimos anos a adxudicación de 45 vehículos pick up, 13 furgóns de loxística, 50 remolques de emerxencia, 7 embarcacións pneumáticas, 5 remolques con carpas para as emerxencias, 4 remolques de salvamento, esparexadores de sal e equipos de excarceración. Unha inversión total de 12 millóns de euros en toda Galicia con preto de cinco millóns de euros destinados a provincia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button