OurenseÚltima hora

O delegado da Xunta en Ourense visita a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil

Nela veñen de iniciarse unhas obras, cun orzameto duns 300.000 euros, para solucionar problemas de conservación e mantemento deste ben

O delegado durante a súa visita á igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil.

 

Ata Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) vixiaba na mañá deste martes 3 de novembro o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para visitar a súa igrexa, na que vén de iniciarse unha actuación de mellora cun orzamento de adxudicación duns 300.000 euros.

Nesta visita estaba acompañado polo alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente, co que mantiña previamente unha reunión na Casa do Concello. Ambos fixeron un percorrido pola igrexa e polo seu entorno durante a cal os técnicos da empresa adxudicataria das obras lle explicaban polo miúdo as accións a desenvolver no proxecto.

Esta intervención permitirán solucionar os importantes problemas de conservación e mantemento deste ben, co fin de evitar o seu deterioro. Así, os traballos centraranse en resolver patoloxías derivadas das filtracións de auga, da falta de ventilación e dos problemas de capilaridade na base dos muros.

Concretamente, a intervención contempla “a limpeza e reparación das filtracións de auga na terraza entre as torres mediante a súa impermeabilización, a limpeza e mellora do rexuntado con morteiro de cal nas fachadas e a reparación das sopenas de remate na cuberta. O proxecto de restauración tamén inclúe a impermeabilización da fachada sur, o acondicionamento e restauración da antesancristía e sancristía e a mellora da ventilación das fiestras e óculos”, tal e como se informa dende a Xunta.

 

Outro dos momentos da visita.

 

Promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o proxecto contempla un prazo de execución de tres meses permitindo poñer en valor este elemento situado ao carón do Parador de Santo Estevo, o que supón un importante reclamo cultural e turístico para o concello ourensán de Nogueira de Ramuín.

Exemplo de arquitectura románica

O templo de Santo Estevo de Ribas do Sil, que conta coa distinción de Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento, constitúe un dos exemplos de arquitectura románica máis relevantes desta zona, e forma parte dun territorio de importante valor cultural, arquitectónico e paisaxístico que opta a ser declarado Patrimonio Mundial pola Unesco en 2021, unha candidatura que se basea, en boa medida, no gran patrimonio arquitectónico que se concentra neste territorio, o que o converte nunha testemuña excepcional da cristianización do Occidente de Europa que chega até os nosos días.

Así, co obxectivo de conservar este legado, a Xunta ten en marcha o vén de rematar varias intervencións de especial interese desde o punto de vista do patrimonio cultural entre as que se inclúe a restauración desta igrexa ou outras como Santa Cruz do Incio, Santo Estevo de Atán, San Vicenzo de Pombeiro ou Santo Estevo de Ribas do Miño, entre outros.

 

Artigos relacionados

Back to top button