En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O delegado do Goberno en Galicia visita as obras da liña de alta velocidade no viaducto de Teixeiras e no túnel de Cerdedelo

Javier Losada asegura que se garanten os prazos establecidos para esta infraestrutura, que supoñen rematar as obras a finais do 2019 para que no 2020 se levan a cabo as probas

No mediodía deste luns 15 de outubro o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, realizaba unha visita ás obras da Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Galicia, en concreto ao viaducto de Teixeiras e ao túnel de Cerdedelo, na provincia de Ourense. Nela, estivo acompañado polo director xeral de Construción de Adif, Juan Pablo Villanueva, quen explicaba detalladamente o alcance da actuación.

Durante o percorrido polas obras Losada recordou as palabras do ministro de Fomento e do presidente do executivo, sinalando que se garantirán os prazos establecidos nesta infraestrutura, o que supón rematar os traballos a finais do 2019 para que no 2020 se leven a cabo as probas. Ademais subliñaba que “coa entrada en servizo do tramo Zamora-Pedralba, o próximo ano o traxecto entre Madrid e as cidades galegas acurtarase nunha hora, o que suporá unha notable melloría nas comunicacións de Galicia coa Meseta”.

 

 

Losada tamén se refería nesta visita ao proxecto construtivo e aos retos de enxeñería que houbo que salvar para levar a LAV a Galicia, tal e como se evidencia no viaducto de Teixeiras, con 508 m de lonxitude e unha altura máxima de 100 m, ou no túnel de Cerdedelo, de 1.650 m aproximados de lonxitude en cada vía. “Hoxe estamos vendo unha estrutura que combina túneles e unha plataforma, unha obra que é como se entrásemos na Catedral de Santiago e a percorrésemos cinco veces. Dende a superficie por onde irá o tren de alta velocidade co solo estaremos vendo como se houbese tres catedrais de Santiago unha por riba da outra, porque estamos falando de 506 m que ten esa estrutura e preto de 100 metros de altura. É dicir, estamos nunha obra de enxeñería dunha magnitude impresionante”.

O acceso ferroviario de alta velocidade a Galicia conta nestes momentos con dous tramos en construción: Zamora-Pedralba e Pedralba-Taboadela/Ourense.  A orografía do tramo Pedralba-Taboadela obrigou a realizar 31 túneles que suman 126.167 metros e 34 viaductos que suman 10.680 m de lonxitude.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button