PolíticaÚltima hora

O deputado Davide Rodríguez preguntará no Parlamento galego sobre os derrubes na N-120, na estrada de San Vicente e na OU-622 en Rubiá

O grupo parlamentario de En Marea vén de presentar unha pregunta e unha proposición non de lei para pedir que a Xunta inste a Fomento a realizar “os investimentos necesarios para garantir a seguridade nas estradas do interior”
Obras na N-120, nas proximidades de Ourense, tras os derrubes producidos a primeiros de abril.

O derrubo recentemente dun noiro na N-120, preto da cidade de Ourense, ou os desprendementos nas estradas OU-622 en Rubiá ou na de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) son situacións que se levarán ao Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei e dunha pregunta que vén de rexistrar nesta cámara o grupo parlamentario de En Marea, a través dos deputados Davide Rodríguez Estévez, Marcos Cal Ogando, Antón Sánchez García e Ánxeles Cuña Bóveda.

 

O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, durante unha intervención no Parlamento galego.

 

“Por desgraza, non se trata de algo puntual. Sería inxenuo pensar que os desprendementos na provincia de Ourense suceden por casualidade. Os derrubes son un síntoma –outro máis– do desleixo dos Gobernos do PP cara o interior de Galicia. As súas infraestruturas non reciben o mantemento que precisan, co conseguinte agravio para a cidadanía da contorna”, aseguran os deputados no texto da pregunta que será respondida de forma oral na Comisión 2ª do Parlamento galego.

En concretom os deputados plantexan as seguintes cuestións: que análise fai o Goberno da Xunta dos continuos desprendementos de rochas que afectan ás estradas da provincia de Ourense, que pensa facer para minimizar os danos e as molestias que causan. Tamén  preguntan cales son as zonas de maior risco e con que medidas de seguridade contan.

E ademais na proposición non de lei, presentada para o seu debate en pleno, pídese que o Parlamento galego inste ao goberno da Xunta a “elaborar un mapa das estradas que afrontan un risco de desprendementos” e a “esixir ao Ministerio de Fomento que realice os investimentos necesarios para garantir a seguridade nas estradas e, en particular, nas estradas do interior”.

Artigos relacionados

Back to top button