PolíticaÚltima hora

O deputado Moisés Blanco (PP) reúnese co responsable de Minería de UGT-FICA en Galicia

Entre os asuntos abordados estaban o da redución dos coeficientes redutores de determinadas categorías no sector da lousa

Na mañá do 18 de abril o deputado do Grupo do PP no Parlamento galego, Moisés Blanco, reuníase no Barco de Valdeorras co responsable de Minería de UGT-FICA en Galicia e secretario de Acción Sindical da Unión Comarcal de Ourense e Valdeorras, José Paradelo. No encontro coincidiron na “necesidade de impulsar o sector mineiro na comunidade galega, sempre desde o total garantismo legal e o rigor na execución do procedemento”.

Moisés Blanco, que estivo acompañado de dous concelleiros do PPdeG no Barco (Sabina Aguado e Enrique Pérez), abordou no encontro diferentes asuntos relacionados con este sector, “tan importante para Galicia, pero especialmente para a comarca de Valdeorras, do que dependen unha boa parte dos postos de traballo nas industrias pizarreiras”.

Tanto o deputado popular como o representante de UGT-FICA destacaron a importancia de solicitar a actualización dos coeficientes redutores de determinadas categorías, dado que algunhas quedaron obsoletas. Neste sentido, Jose Paradelo recordou que “é unha solicitude que os traballadores levan formulando desde hai tempo, e que conta ademais co apoio de todo o sector da pizarra”.

Os cambios solicitados, e que dependen da Dirección Xeneral de Ordenación da Seguridade Social do Goberno central, pretenden elevar algúns coeficientes, equiparando determinados postos de traballo, e que poidan acceder ás mesmas condicións en canto a adiantar a idade de xubilación.

Artigos relacionados

Back to top button