PolíticaÚltima hora

O deputado Moisés Blanco reúnese con Disvalia

No encontro manifestáballes o seu apoio á súa “xusta reivindicación” sobre a mellora de accesibilidade na estación de ferrocarril do Barco
O deputado do PP Moisés Blanco, no centro, na reunión mantida con Disvalia.

O valdeorrés Moisés Blanco Paradelo, deputado autonómico do PP, mantiña unha reunión cos membros da asociación Disvalia (Persoas con discapacidade de Valdeorras asociadas) na que lles transmitía o seu apoio a súa “xusta reivindicación” sobre a mellora de accesibilidade na estación de ferrocarril do Barco. Unha reivindicación que cualificaba tamén de “absolutamente necesaria para mellorar a calidade de vida e garantir os dereitos das persoas con discapacidade da comarca” e, nese sentido indicaba que “imos traballar para que se recoñeza unha asistencia, ben puntual ou permanente, dentro do plan Atendo, de atención a persoas con discapacidade de Renfe.

Moisés Blanco, que estivo acompañado polo voceiro municipal do PP no Barco, Arsenio Moldes; explicaba que tanto polo número de usuarios que comprende a comarca do oriente ourensán como pola distancia existente ata as estacións con asistencia para as persoas con mobilidade reducida (as máis próximas son Monforte e Ponferrada) “é razoable a petición de incorporar á estación do Barco de Valdeorras un servizo de asistencia por parte de Renfe, tanto para os usuarios que residen na comarca como aos que regresan ou acoden a visitar a nosa zona”.

O deputado popular no Parlamento galego tamén sinalaba que “non ten sentido que para viaxar a Ourense as persoas con mobilidade reducida teñan que desprazarse en coche ata Monforte para coller o ferrocarril, xa que deste xeito xa fan máis da metade do camiño”. Isto é máis problemático xa que na zona non existe un transporte de taxi adaptado as súas necesidades, ademais das deficientes comunicacións por estrada da comarca, segundo Moisés Blanco.

Artigos relacionados

Back to top button