PolíticaÚltima hora

O deputado popular Moisés Blanco di que as obras da base de helicópteros de Vilanova comezarán en breve

O obxectivo, asegura o parlamentario, é “poñela en funcionamento de xeito inmediato para mellorar o operativo de loita contra os incendios forestais”
O deputado do PP Moisés Blanco, intervindo no Parlamento galego.

Nos vindeiros días a Consellería do Medio Rural ten previsto iniciar as obras de acondicionamento da base de helicópteros de Vilanova (O Barco), co obxectivo de “posteriormente poñela en funcionamento de xeito inmediato para mellorar o operativo de loita contra os incendios forestais”. Así o vén de anunciar na mañá do 17 de xullo, a través dunha nota de prensa, o deputado do PP no Parlamento galego, Moisés Blanco.

“A Xunta está a cumprir co recollido na proposición non de lei aprobada o pasado 14 de xuño no Parlamento”, asegurou o deputado valdeorrés logo de que o propio director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto confirmara que a Xunta dispón dos terreos necesarios para realizar as obras desta base de helicópteros, que suporán un investimento superior aos 50.000 euros.

O deputado do PP fai estas declaracións, tres días despois da visita realizada pola tamén parlamentaria galega Noa Presas, do BNG, na que visitaba a base e confirmaba que un mes despois de aprobada a resolución, os traballos de acondicionamento non tiñan comezado.

Para Moisés Blanco “o BNG está a xerar unha alarma inxustificada sobre a construción desta base, cando un mes despois da aprobación da proposición non de lei no Parlamento a Consellería xa conseguira o acordo cos veciños para proceder á limpeza do contorno das instalacións, o peche perimetral das mesmas, a construción dun cubeto para posibles escapes de combustibles e o formigonado de parte da plataforma”.

Blanco recorda tamén que o acordo acadado no Parlamento, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, recollía que a Consellería do Medio Rural, “unha vez finalizadas as xestións cos respectivos propietarios dos terreos e demais entes implicados, a efectos de declarar o seu uso exclusivo, reabra no período de prazo mais breve posible a base de helicópteros de Vilanova no Barco de Valdeorras”.

Artigos relacionados

Back to top button