En portadaFestas do Cristo O BarcoGalerías de fotosÚltima hora

O Descenso do Sil celebra o seus 50 anos e mira ao futuro

O Teatro Lauro Olmo do Barco acollía un concurrido acto de homenaxe a organizadores e padexeiros

En setembro de 1966 desputábase a primeira edición do Descenso do Sil. Sen embargo, un ano antes, celebrábase o “descenso cero”, promovido por un grupo de mozos que decicían baixar o río dende Sobradelo ata o Malecón en plenas festas do Cristo. Así o contaba un daqueles xoves, Manuel Fernández, no documental “50 anos de Descenso do Sil”. Este traballo, realizado por Luis Blanco e Diana Ramos, presentábase na tarde do 9 de setembro no Teatro Lauro Olmo no decurso da celebración deste medio século de vida da proba.

Nel percorrese a historia do descenso a través dunha serie de entrevistas de persoas que participaron na organización, padexeiros que o desputaron nas primeiras edicións e outros que aínda hoxe continúan a baixalo. Unha hora de memoria viva dunha proba piragüística que está entre as sete máis antigas de España.

Esta celebración que se desenvolvía na tarde do 9 de setembro no Teatro Lauro Olmo (tras a anulación do mitin previsto inicialmente) comezaba cunha lembranza ás vítimas do accidente ferroviario de Porriño e con música, da man de dous alumnos do Conservatorio do Barco. Logo dábase paso á proxección do documental e, finalmente, rendíaselle unha homenaxe a unha serie de persoas moi vencelladas ao descenso: José Rodríguez, Ángel Fernández e o seu irmán Alfredo, Manuel Fernández, Ramos Misioné, Ricardo Dacal, Rosa Brasa e aos padexeiros do Fluvial Barco Fernando García (que leva 33 anos baixando o Sil) e Jesús Rodríguez (ganador de 14 edicións consecutivas). Tamén eran distinguidos o presidente da Federación Galega de PiragÜismo, Alfredo Bea; e entidades ou empresas que colaboran na organización da proba: Protección Civil do Barco, Iberdrola e Ambulancias Sil.

O concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, aproveitaba o acto para facer unha lembranza especial a un deportista barquense que vén de falecer, Joaquín Gómez Fuertes “Juaco”. O acto concluía cunha fotografía de familia dos padexeiros barquenses que teñen competido no Sil nalgunha das 49 edicións desputadas ata agora. Mañá, 10 de setembro celebrarase a 50, con saída de Sobradelo ás 18h. e cunha nutrida representación barquense. Ademais inaugurábase unha mostra dos cartaces destes 49 anos de traxectoria no exterior do Teatro Lauro Olmo.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button