ConcellosQuirogaÚltima horaVídeos

O Desfile da Confraría do Viño de Quiroga, limiar da Feira do Viño

 

Logo do obrigado parón pola pandemia, a Confraría do Viño de Quiroga volvía desfilar neste sábado 9 de abril pola vila nun acto que se ten convertido xa na antesala da feira do viño desta localidade. A unha e media do mediodía, e precedidos pola son da música tradicional os confrades, ataviados co seu traxe de gala (capa de cor burdeos e sombreiro negro), desfilaban pola travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Museo Etnográfico.

Este solemne acto forma parte dos prolegómenos da XL Feira do Viño de Quiroga dende o ano 2012, ano no que se fundou esta congregación, que conta dende entón con 23 membros. O número de membros é invariable, soamente se renovan cando queda algunha vacante, como ocorreu no ano 2019 cando entrou a formar parte desta institución a primeira muller confrade.

O que este ano non realizará esta irmandade será a cata dos viños participantes na feira como era un dos seus cometidos. Na cata dos viños os confrades encargábanse de detectar calquera problema de cor, sabor ou olor que puidesen presentar as mostras dos viños artesanais que estaban inscritos para a feira, que previamente xa pasaran análises nun laboratorio, ao ser todas as adegas participantes industrais.

Como remate do desfile, xa a porta pechada, os membros do gremio realizaban unha xunta xeral anual na que que se daba conta dos informes do presidente e do estado de contas da confraría.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button