OurenseÚltima hora

O Día do Libro regresa á rúa do Paseo de Ourense

Tanto nos postos da rúa coma nas librarías, as compras de hoxe contran cun 10% de desconto

Visita do presidente da Deputación á carpa na rúa do Paseo.

 

Os libros foron unha táboa de salvación para moitos durante o confinamento do pasado ano, período no que o índice de lectura alcanzou un máximo histórico do 57%, segundo un estudo recente do Gremio de Editores de España. Moitas persoas descubriron entón o pracer da lectura, mentres que outras desenterraron ese hábito lector cancelado durante tempo por culpa da velocidade e a tensión da vida diaria, atopando no confinamento o momento idóneo para recuperalo.

Co obxectivo de seguir fomentando ese espírito e afán pola lectura, os libreiros ourensáns volvían cos libros á rúa do Paseo de Ourense, este ano na propia data que corresponde ao Día do Libro, o 23 de abril, xa que en 2020 tiveron que aprazar esta conmemoración ao 23 de xullo a causa do confinamento.

O presidente da Agrupación de Libreiros, José Manuel García Mosquera, asegura que o sector ten boas expectativas con esta volta á rúa porque “notamos nos últimos meses que a afluencia ás librerías incrementouse, sobre todo por mor da campaña que o Concello levou a cabo o ano pasado para regalar un libro aos ourensáns e ourensás menores de 18 anos”, unha iniciativa que esperan que se repita de novo este verán, tal e como anunciaba o alcalde recentemente.

Unha carpa no Paseo, preto do parque de San Lázaro, acollía así os libros de sempre e as novidades editoriais do momento, nos postos pertencentes ás librarías Eixo, Khatedra, A Librería, A Viúva, Nobel, Pai Feijoó, Platero e Zampacontos. E para cumprir un ano máis coa tradición, hoxe cada compra ten dobre obsequio: un caravel e un 10% de desconto, extensible en todas as librerías da cidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button