CulturaCulturaÚltima hora

O Día dos Medios en Galego celebrarase este sábado 20 de marzo co programa “Moito que Sachar”

A Casa Museo de Rosalía acollerá a emisión dun programa especial presentado por Federico Pérez Rey que será retransmitido en streaming

 

Da man de AMEGA, este sábado 20 de marzo celebrarase o Día dos Medios en Galego coa retransmisión en streaming do programa, a modo Late Night, que tivo que ser aprazado o 7 de febreiro (a data oficial, aprobada no Parlamento de Galicia, que conmemora a saída do primeiro xornal en galego, O Tío Marcos d’Portela, aló polo 1876) polas restricións sanitarias.

A Casa Museo de Rosalía acollerá a emisión dun programa especial presentado por Federico Pérez Rey, unha das caras máis visibles do audiovisual galego, que estará acompañado pola música en directo dunha banda formada por Iván Barreiro, á guitarra; Carlos Arévalo, á batería; e Ale Casquero aos teclados.

“Será unha festa da lingua, con entrevistas, sketches, o nacemento dun novo proxecto, así como singulares sorpresas que demostrarán o papel fundamental do galego como principal motor da comunicación no noso país”, explican dende a asociación.

O programa será retransmitido en directo nas canles de Youtube,  Facebook e Twitch de AMEGA. Ademais, tamén se emitirá o domingo ás 21:30h en NósTelevisión e o luns ás 18h. en todas as emisoras municipais galegas da rede de Radiodifusion.

O evento conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e será unha festa para os máis de 140 medios que a día de hoxe comunican en galego entre os que figuran O Sil ano 2000, O Sil Deportivo e OSIL.info.

Artigos relacionados

Back to top button