ConcellosÚltima hora

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral visita o obradoiro de emprego do Barco

O alumnado e o equipo de profesores do obradoiro de emprego DOC DIG I-O Barco recibía na mañá deste 19 de febreiro a visita do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal. Neste acto, que tiña lugar no salón de actos do edificio multiusos da vila, Casal estaba acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García, e polo xefe territorial da Consellería de Economía en Ourense, Santiago Álvarez.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, subliñou hoxe no Barco de Valdeorras a necesidade de adaptar a formación dos mozos e mozas galegas desempregados ás demandas tanto das empresas como dos concellos nos que viven para, deste xeito, mellorar a súa empregabilidade.

Neste obradoiro de emprego barquenses participan 13 menores de 30 anos inscritos no ficheiro de garantía xuvenil. O alumnado prepárase para a obtención do certificado de profesionalidade de Gravación de datos de nivel 1 e de Produción fotográfica de nivel 3, ademais de realizar actuacións relacionadas con estas materias, como a dixitalización de expedientes e documentación histórica e inventario, organización, clasificación, descrición e instalación de expedientes dos arquivos do concello.

A Xunta ofrece este ano un novo programa destinado a menores de 30 anos no que se investirán 7M€ para que as entidades locais poidan desenvolver iniciativas de formación e aprendizaxe acompañadas dun contrato de traballo en empresas do sector, cunha duración total de 18 meses.

Agárdase, segundo informa a Consellería de Economía, apoiar 20 proxectos e ofrecer 300 prazas para mozos e mozas desempregados. O prazo para que os concellos presenten os seus proxectos e acceder ás axudas remata este venres 21 de febreiro.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button