EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O director xeral do Igape visita a adega valdeorresa Sampayolo (Petín)

Esta era unha das empresas galegas que lograban axudas na liña de internacionalización e dixitalización do pasado ano

Publicidade

 

Na mañá deste 23 de xullo o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitaba á empresa Adega Sampayolo, con sede en Petín, para falar sobre as axudas concedidas a través do programa Galicia Exporta Dixital.

Esta adega, amparada pola D.O. Valdeorras, era unha das empresas que recibían axudas desta liña. En total eran 155 os proxectos apoiados por esta liña, con algo máis de 5,5 millóns de euros en axudas para mobilizar uns investientos de case 7 millóns de euros. “Dende o ano pasado puxemos en marcha dúas liñas nun contexto de Covid no cal internacionalizar é, se cabe máis complicado. Falamos de liñas que permitisen que, apoiándose en ferramentas dixitais, as empresas puidesen incrementar a súa presenza en mercados internacionais, adquirir diferentes ferramentas de software para conseguir que a pandemia neste caso non supoña un parón nas súas exportacións”, explicaba o director do Igape, Fernando Guldrís.

Ademais destacaba que maio do 2021, ten sido, segundo reflexanos dato, “o mellor mes de maio a nivel de exportacións da serie histórica de Galicia, o cal nos dá unha idea de que no marco dunha pandemia, que aínda non superamos de todo, o pulo do tecido empresarial galego a nivel de exportacións segue sendo tremendamente potente”.

 

 

Pola súa banda, o responsable de Sampayolo, Javier García, lembraba o impacto que supuxo nas vendas da súa adega a pandemia do Covid. “A miña adega é bastante pequeniña e o meu mercado natural era o pequeno distribuidor e directamente restauración, entón, de repente, atopámonos o 14 de marzo de 2020 de 100 a cero sen ter un horizonte moi claro. Vin que pasaban 2-3 meses e non se vendía nada, que o mercado estaba pechado, non había restauración nin hostalaría, e tamén vía que xente solvente que estaba medrando quedouse parada ao cen por cen. Polo tanto, había que buscar alternativas, e unha das alternativas que atopei foi a dos programas de axudas do Igape que neste caso a min axudáronme a comezar a posicionar a miña adega nos mercados internacionais”.

Así, Javier García lograba esa liña de axudas e poñía en marcha un proxecto que lle permitiu adaptar a páxina web da súa adeega aos mercados internacionais, “con pasarelas de pago internacionais como pay pal e, dese xeito, poder chegar a calquera tipo de cliente en calquera zona de Europa”, explica.

Ademais comentaba que no exterior “está de moda a variedade godello, este viño responde e a segunda vez que che piden produto xa se fían de ti. Hai que pensar que te estás metendo na súa casa a 4.000 km, por exemplo, e, unha vez que o primeiro viño que demandan xa lles gusta, e cando empezan a probar outras variedades como a mencía e a garnacha, que tamén lle gustan”.

Nestes momento Sampayolo comercializa o seu viño en 8 mercados da Unión Europa, entre eles están Francia, Alemaña e Italia. “Todas as semanas sae algo para diferentes países”, indica o adegueiro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button