ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O divertido e agudo pregón de Avelino González abre o día grande da Festa do Botelo

No acto previo ao xantar, celebrado no Teatro Lauro Olmo do Barco, Honorato López Isla recibía a mención de honra como un dos membros fundadores de Adegas Godeval (Godello de Valdeorras)

 

Seguindo o cartel desta XX edición, unha especie de medallón cun botelo no seu interior e o emblema “In Terris Gentium Gigurrorum Botellum Gustabimus”, a ambientación romana servíu para a posta en escena dun dos actos centrais da Festa do Botelo: o pregón.

 

O Orfeón Valdeorrés.

 

Coa presentadora Fátima N. Delgado metida no papel da deusa da agricultura, Ceres, o acto celebrado na mañá do 18 de xaneiro no Teatro Lauro Olmo comezaba con música. Nesta ocasión foi de novo o Orfeón Valdeorrés o encargado de poñerlle son ao pregón interpretando con notas de humor, tres temas, un deles o Himno do Botelo que era coreado polo númeroso público asistente.

 

Honorato López Isla.

 

De seguido chegaba o turno da mención de honra que neste XX aniversario da Festa do Botelo foi para unha persoa vencellada ao mundo empresarial e á vitivinícola, Honorato López Isla, socio fundador de Adegas Godeval. Acompañada por imaxes do homenaxeado e das viñas, a presentadora explicou as orixes desta adega que abría as portas no ano 1986, da man de cinco socios: o viticultor Javier Folla; Horacio Fernández Presa e José Luis Bartolomé que poñían o coñecemento; e Victoriano Reinosa e Honorato López Isla que puxeron a experiencia no mundo empresarial.

 

O homenaxeado durante a intervención.

 

Seguindo a estela do proxecto REVIVAL de recuperación da uva godello en Valdeorras promovido por Horacio e José Luis, o homenaxeado, un home “intelixente, que dá confianza, apaixoado do seu traballo e da súa terra”, subía ao escenario e recibía o premio de mans do alcalde do Barco Alfredo García e da concelleira de Cultura Margarida Pizcueta. No escenario, despois de felicitar ao Orfeón pola súa actuación e ao Concello por ter este tipo de actos, Honorato resumía en dúas palabras os seus sentimentos: agradecemento e satisfacción. Agradecemento a “todos os que interviñeron para que me concederan esta mención polo meu papel no cambio de cultura do viño, lograda grazas entre outras cousas á teima de Horacio”. Agradecemento tamén a todas os adegueiros que seguiron a estela de Godeval “eu non sei nada de viño pero si da ilusión dos que empezaron hai 34 anos e dos que seguen agora”, dixo, asegurando que tamén sente satisfacción por recibir esta homenaxe no seu pobo (naceu en Santa Cruz, O Bolo, pero pasou boa parte da indancia e xuventude no Barco), logrando que lle viñeran á mente recordos da matanza e da vendima, “dúas festas que se desfrutaban servindo ademais para encher a despensa”. A intervención de Honorato remataba cunha reflexión precisamente sobre a variedade de uva e o viño. “Con moito esforzo de todos os que están implicados neste tema conseguiuse situar ao godello no máis alto a nivel mundial e agora todos queren ter esta variedade aínda que o Godello de Valdeorras so se dá aquí nesta comarca pequena. Esa febre non é boa porque estase plantando godello fóra e aínda que nunca será o de aquí (Godeval significa Godello de Valdeorras), é algo que nos afecta polo que pediría a quen corresponda, loitar por unha marca propia”.

 

Avelino González.

 

O viño serviu tamén de fio condutor para o pregoeiro desta edición, o actor e contador vigués Avelino González que comezou a súa intervención brindando coa presentadora cun godello de Godeval. Cando a concelleira de Cultura anunciou que este artista das palabras sería o pregoeiro desta edición asegurou que o coñecera persoalmente no programa de De Perto 2019 “e fixo un monólogo tan persoal sobre O Barco que pensamos que sería a persoa idónea para dar o pregón”, e non se equivocou. Avelino é natural de Comesaña (Vigo) pero falou do Barco e da comarca de Valdeorras como se a coñecese de toda a vida. Coa gheada característica da costa e o cun humor fino e irónico o pregoeiro foise facendo co público, falando do mal estado da estrada N-120, da distancia, das lendas en torno ao viño, ao ouro e mesmo aos mouros. Asegurou que O Barco e Vigo “son moi parecidos, alí estariades como na casa, pero levade pan porque o dalí é malísimo”, poñendo como exemplo o tema dos “barcos que saen do porto e da barca coa que cruzaban o río ata Viloira “, entre outros. Temán falou da peculiaridade lingüística de Valdeorras, facendo fincapé na terminación -ois de pantalois que decubriu a primeira vez que veu ao Barco e cae dos zancos. Non se esqueceu dos anteriores pregoeiros (famosos e da casa), da orixe dos concelleiros, e mesmo se atreveu coa Garda Civil, recoñecendo que “coñezo esta zona menos do que quixera pero é impresionante e ten moitas posibilidades”.

 

O pregoeiro durante o acto.

 

E igual que comezaba, brindando, remataba o pregón da XX Festa do Botelo do Barco. Brindando “pola xente que está traballando para que hoxe poidamos degustar o botelo” e cun “grazas polo mundo que me descubrides”.

De seguido e acompañados polos grupos dos cantos de taberna, os asistentes desprazábanse ata o pavillón de Calabagueiros para asistir ao xantar popular.

Fotos: Carlos G. Hervella

Vídeo do Orfeón Valdeorrés interpretando o Himno do Boltelo.

Artigos relacionados

Back to top button