OurenseÚltima hora

O documental “El amor y la muerte” sobre Granados, en Ourense da man de Rosa Torres-Pardo e Lucía Álvarez

A proxección, que terá lugar no Liceo o mércores 31 de xullo, irá acompañada dunha actuación a voz e piano de ambas intérpretes
Rosa Torres-Pardo e Lucía Álvarez./ Foto: Eva Díaz Iglesias.

 

Poesía e música para presentar na cidade de Ourense o documental “El amor y la muerte. Historia de Enrique Granados”. Este filme sobre o compositor catalán,  promovido pola pianista Rosa Torres-Pardo, poderá verse o vindeiro mércores 31 de xullo ás 20:30h. no Liceo. A proxección, con entrada libre ata completar aforo, irá acompañada dun agasallo moi especial. Rosa Torres-Pardo interpreterá ao piano unha peza inédita do compositor, unha danza galega, mentres a actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), recitará tres dos poemas galegos de Federico García Lorca.

“Sempre quedan cousas por descubrir e esta danza apareceu despois do documental. Granados estivo en Galicia e esta danza, que localizou nun arquivo, enviáronma Xoán M. Carreira e a súa muller Maruxa Baliñas. É para chelo e piano e logo eu arranxeina para piano”, comenta Rosa Torres-Pardo.

 

Pode dicirse que este documental forma parte dun proxecto persoal desta pianista, ganadora do Premio Nacional da Música no 2017. “En España quedan moitas cousas por facer e unha delas é realizar documentais sobre músicos e compositores españois, dalos a coñecer a través dunha película é o máis fácil para o público, para que se acheguen a eles, á súa vida, á súa obra, ao seu momento histórico”, comenta. Con esa inquedanza nacía un primeiro proxecto, un documental sobre Antonio Soler, que agora vén de ter continuidade co filme sobre Enrique Granados, “El amor y la muerte”, estreado o pasado ano.

“No primeiro proxecto estivemos máis solos, pero, afortunadamente nesta ocasión tivemos moitos apoios. Cando xa fixeches cousas a xente vai entendendo que son necesarias, que hai un espazo, un mundo por explorar, que non se ten feito nada nese terreo”, comenta Torres-Pardo. Para a actriz Lucía Álvarez este traballo “é unha maneira de levar a cultura dunha maneira sinxelo a aqueles que o descoñecen, é unha maneira de escoitar música, de saber a súa historia, de que che conten unha historia fácil de comprender nunha hora e que, a partir de aí, che cree curiosidade”.

Este documental xungue a traxectoria de Granados (Lérida, 1867-Canal da Mancha, 1916) dende a Barcelona do século XIX ao Nova York do século XX con novas versións das súas pezas a cargo da propia Torres-Pardo, Rocío Márquez, Arcángel o Evgeny Kissin.

“Granados pertence a unha xeración de compositores españois, xunto a Falla, Albéniz ou Turina que supuxeron unha especie de renacemento na música española, que se basean na música popular. A principios do século XIX comezan a decatarse de que hai que recuperar as músicas españolas e recompilan material dende os cancioneiros populares. Todos estes compositores teñen un profesor común que é Felipe Pedrell e que lles orienta cara ese camiño. Granados, ademais de romántico é un virtuoso do piano, leva a interpretación musical ao máximo, saca todo o proveito que se pode sacar deste instrumento que soa case como unha orquestra. Tiña un selo especial”, resalta Rosa Torres Pardo.

 

 

Unha das súas obras, “Goyescas”, estréase no Metropolitan de Nova York. Un éxito que acaba por converterse en traxedia. “A de Granados é realmente unha historia de película. Convídano a París para estrear “Goyescas”, pero comeza a primeira guerra mundial e entón isto anúlase e un amigo seu, violinista, organízalle a estrea en Nova York e iso foi o seu gran éxito e a gran paradoxa da mala sorte. Convídano á Casa Branca a dar un concerto e isto obrígao a cambiar as pasaxes de regreso en barco, fai escala en Inglaterra e cando volve nun barco francés que era neutral, este é atacado por un submarino alemán. Como consecuencia diso o matrimonio Granados morre”, explica a pianista e produtora do filme.

Ademais conta que en “El amor y la muerte” tivo a sorte de “estar rodeada de artistas boísimos” como Carlos Álvarez, Arcángel, Cuarteto Bretón, Juan Manuel Cañizares, Alexis Delgado, Patricia Guerrero, Adolfo Gutiérrez Arenas, Nancy Fabiola Herrera, Evgeny Kissin, Rocío Márquez, Ana María Valderrama,
Luis del Valle, Julien Favreau, Elisabet Ros, Jordi Mollá, Emma Suárez, Alicia Sánchez e Ramón Fontseré.

Tamén agradece que moitos lugares de referencia lle abriran as súas portas para poder rodear este documental como o Palau da Música de Barcelona,  o Museo do Prado, o Teatro Real ou o Teatro da Zarzuela, “que lle dan á película moito interese”.

A intención de Rosa Torres-Pardo é continuar achegando ao público con este tipo de proxectos a máis compositores españois. Pero, por agora, convida a mergullarse con “El amor y la muerte” na vida e obra de Granados.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close