ConcellosSober

O documental “Nosoutras-Relatos Femininos” presentarase en Sober o 6 de novembro

Trátase da segunda parte dun proxecto de igualdade que "nace co obxectivo de homenaxear ás mulleres do mundo rural e facer visibles as condutas machistas que xerminan neste contexto" destacan dende o Concello

Foto: Concello de Sober.

 

O Concello de Sober presentatá o vindeiro 6 de novembro o documental “Nosoutras – Relatos Femininos”, a segunda parte dun proxecto de igualdade que nace co obxectivo de homenaxear ás mulleres do mundo rural e de facer visibles as condutas machistas que xerminan neste contexto.

“A través desta iniciativa seis testemuñas femininas narran, con auténtica humildade e sinceridade, a súa biografía e como o feito de ser muller ten influído ao longo das súas vidas”, destacan dende o Concello.

O proxecto “Nosoutras” está recollido en dous formatos. O primeiro deles é o papel, a través dunha publicación na que se dan a coñecer os relatos de Pili, Noelia, Otilia, Samanta e Sara, o que permitiu, mediante o sentido do tacto e da vista, achegarnos ás súas historias de vida. Os relatos presentáronse nun acto público e tamén se difundiron a través das redes sociais do Concello de Sober, onde tiveron grande éxito.

Agora esta iniciativa dá un paso máis e achégase ao mundo audiovisual para traspasar cada un dos nosos sentidos. O 6 de novembro proxectarase o documental “Nosoutras – Relatos Femininos” no salón de actos do Concello de Sober. A presentación estará acompañada da arte musical de Sara Méndez Arias e Ana Fernández Gayoso.

 

 

 

Debido á situación sanitaria, o aforo estará limitado, sendo necesario reservar para poder acudir. Para elo, as persoas interesadas en asistir poden chamar ao 982 46 05 13, de luns a venres e de 08:00 a 14:00. O prazo finaliza o 28 de outubro.

Esta actividade está financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade en desenvolvemento do Pacto de Estado contra Violencia de Xénero e a súa planificación e elaboración executouse dende os Servizos Sociais do Concello de Sober coa colaboración da empresa Némesis Audiovisual.

Artigos relacionados

Back to top button