CulturaCulturaEducaciónEntroido 2021Última hora

O documental sobre o Entroido de Kepa Junkera proxéctase á vez en varios centros, entre eles o IES Carlos Casares de Viana

A idea xurdía do instituto vianés á que pronto se sumaban outros centros de Vilariño de Conso, Xinzo, Verín, Manzaneda...

Proxección do documental de Kepa Junkera no IES Carlos Casares de Viana. /Foto cedida.

 

“Mar de Terra” de Kepa Junkera, é un documental feito a través do coñecemento puro da tradición e o profundo respecto á mesma. Ademais, nel, está presente a fusión absoluta de todas as culturas. O Entroido dos arredores do Macizo Central de Ourense do sur de Lugo fúndense perfectamente coa marabillosa música do Kepa.

Sen dúbida foi o que nos animou proxectar este documental en todas as aulas do IES Carlos Casares de Viana do Bolo o pasado Xoves de Comadres. A principios de febreiro contactabamos con Javier Torquati, creador da idea orixinal e produtor deste documental enxebre e viaxeiro. O seu compromiso para que a proxección chegara ás aulas foi absoluto, non só autorizándonos a facelo, senón animándonos. De feito, desta primeira reunión naceu a idea para que todos os centros educativos da área xeográfica que se cita no documental se animasen a proxectalo nas súas respectivas aulas. E así se foron sumando colexios e institutos de Vilariño de Conso, Xinzo, Verín, Manzaneda, A Pobra do Brollón, Chantada, Taboada, O Saviñao…

 

Proxección do documental noutra das aulas do instituto de Viana do Bolo. /Foto cedida.

 

A iniciativa incluso chegou a un centro de Vigo e outro da Laracha onde dúas amigas e compañeiras de profesión desenvolven a súa labor logo de ter pasado polo instituto vianés. O documental, un éxito! Case era seguro escoitando o que moitas e moitos dos docentes nos comentaron nas sucesivas chamadas de teléfono: “Kepa? Ai… é tan riquiño…” Por outra banda, o feito de sentirse conectado con outros centros educativos non ten prezo. E moito máis nun ano coma este, no que a distancia se mide en días de afastamento máis que en quilómetros. De feito, dende todos os colexios nos están a mandar achegas en modo de audios ou vídeos referentes ao impacto do documental, así que con todas elas faremos unha montaxe que publicaremos en breve, e que valoraremos cada vez máis co paso do tempo. Viva a boa música! Viva o folclore! E viva o Entroido!

Texto: Ovidio Villar Marcos.

Presentación vídeo Kepa
https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=2579591495672091&id=100008637976858

Artigos relacionados

Back to top button