ConcellosRubiáÚltima hora

O DOG publica a aprobación definitiva do PXOM de Rubiá

Imaxe da vila de Rubiá.

 

No Diario Oficial de Galicia (DOG) deste luns 26 de outubro publica a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Rubiá, o primeiro co que conta este municipio ourensán e que substituirá ao Plan Básico Autonómico polo que se rexía ata o de agora. Para a elaboración do novo plan, cunha vixencia prevista de 20 anos, o equipo redactor tivo que estudar ao detalle os 100 km2 que abrangue o municipio, así como as 10 parroquias nas que se divide o seu territorio e nas se asentan os seus 1.393 habitantes.

Deste xeito, co anuncio publicado no DOG, ponse fin a case 12 anos de traballo e dáse un paso máis de cara á entrada en vigor do documento, pendente tan só agora de que o Concello publique a normativa e as ordenanzas do plan xeral no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o inscriba a continuación no Rexistro do Planeamento Urbanístico de Galicia.

Como principal obxectivo da nova ordenación urbanística de Rubiá, a Consellería de Medio Ambiente subliña “a mellora da calidade de vida dos veciños, poñendo por unha banda en ordenación un importante número de edificacións xa existentes e pola outra, mantendo a morfoloxía actual do Concello, que concentra na capital a maioría dos servizos e da actividade”.

De feito, no núcleo de Rubiá segundo Medio Ambiente, “prevese completar a malla urbana de cara a garantir a súa mellor integración co medio rural. Tendo isto en conta, delimítanse no planeamento os núcleos rurais atendendo á súa tipoloxía histórica ou común, coa intención de recoller as vivendas existentes e rematar os espazos intersticiais entre elas. Tamén se reserva exclusivamente a vivenda colectiva ao núcleo urbano, quedando o modelo unifamiliar para os solos restantes”.

Así mesmo, en materia de vivenda o documento urbanístico determina a capacidade máxima de uso residencial para as próximas dúas décadas, cunha previsión de crecemento de 599 vivendas novas.

En canto ao sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, no PXOM prevese a ampliación da contorna do campo de fútbol, considerada como o principal lugar de esparexemento da poboación do municipio. Neste sentido, o novo planeamento reserva case 64.000 m2 a este tipo de dotacións (un 24,6% máis do mínimo esixido po lei) e preto de 35.000 m2 ao sistema xeral de equipamentos comunitarios (o que supón duplicar a superficie obrigatoria). 

A achega da Xunta para financiar o PXOM de Rubiá ascendeu a preto de 64.000 euros, unha contía da que tan só queda por abonar a fase correspondente ao trámite de aprobación definitiva, segundo a administración autonómica.

Artigos relacionados

Back to top button