SanidadeÚltima hora

O doutor Cubiella, especialista de Dixestivo do hospital ourensán, premiado no congreso europeo de gastroenteroloxía

Recollía esta mañá en Viena, na sesión plenaria do United European Gastroenterology Week o premio ao mellor artigo científico orixinal publicado este ano polo traballo “Correlacion entre a taxa de detección de adenomas en colonoscopia e programas de cribado de cancro colorectal”

 

O doutor Joaquín Cubiella.

O traballo “Correlacion entre a taxa de detección de adenomas en colonoscopia e programas de cribado de cancro colorectal” do doutor Joaquín Cubiella, especialista do Servizo de Dixestivo do Hospital Universitario de Ourense, e responsable do Grupo de Investigación de Oncoloxía Dixestiva do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, resultaba galardoado esta mañá en Viena. O seu autor recollía na sesión plenaria do congreso europeo de gastroenteroloxía (United European Gastroenterology Week) o premio ao mellor artigo científico orixinal publicado este ano.

Este estudo determina cales son as taxas mínimas recomendables de detección de adenomas (ou pólipos malignos) mediante unha colonoscopia de cribado, realizada no marco dun programa preventivo de cancro colorrectal, como o que se está a desenvolver en Galicia, baseado nun test de sangue oculto en feces. O traballo do doutor Cubiella demostra que a calidade con que se realiza este tipo de colonoscopias, coas que se completa o estudo dos pacientes que dan positivo no test de sangue oculta, e polo tanto a pericia e experiencia dos endoscopistas, é un criterio de calidade clave para reducir mortalidade e incidencia do cancro colorrectal, tamén nun programa de cribado.

“O que é mais importante, o estudo dirixido polo doutor Cubiella, no Grupo de Oncoloxía da Asociación Española de Gastroenterología, determina e establece, nun 45%, a taxa mínima esixible de detección de adenomas, dato que servirá de guía para avaliar a calidade e funcionamento dos programas de cribado existentes, e os que se vaian poñendo en marcha, tanto en España como no resto de Europa, xa que o Programa Galego, de detección (cribado) de Cancro Colorectal, foi un dos primeiros postos en marcha, por un servizo público de saúde, por iniciativa da Consellería de Sanidade e co impulso de destacados especialistas galegos, como o doutor Cubiella”, segundo se indica dende o Sergas.

155 casos detectados en Ourense grazas ao cribado

O Programa Galego de Cribado de Cancro Colorectal, posto en marcha pola Consellería de Sanidade, e implantado inicialmente en Ourense, xa en 2015, permitíu detectar 155 casos na nosa provincia, ademais de lesións precancerosas en 1.304 persoas, entre as 97.783 invitadas a participar na provincia, ata decembro de 2017. Os chamados a participar teñen idades comprendidas entre os 50 e 69 anos, tramo no que esta intervención é mais efectiva.

Pese aos satisfactorios resultados e súa relevancia, a maior parte das persoas chamadas a participar en Ourense, o 56.7%, rexeitaron facelo, polo que Cubiella destaca que o número de casos diagnosticados podería duplicarse na provincia, lamentado que moitas persoas perdan esta oportunidade, fácil e sinxela, e permanezan sen diagnóstico nin tratamento.

Para o Dr. Cubiella, isto é especialmente grave no caso dos homes que, pese a ter un maior risco de desenvolver cancro de colon, son precisamente os que menos participan. Rexeitando así unha posibilidade real de supervivencia, xa que estes tumores teñen longo periodo de evolución (ata de dez anos), normalmente sen síntomas, ata que xa está moi avanzado, reducindo así as posibilidades de curación e supervivencia.

“Pedimos á poboación que participe de forma masiva no programa de cribado”, di Cubiella, “Só teñen que enviar a tarxeta prefranqueada para que lle chegue á súa casa o kit co que realizar a proba de sangue oculto en feces” . Para Cubiella “o cancro de colon e recto afecta tanto aos que se preocupan como aos que non; aos que tiveron familiares con cancro de colon, como aos que non; ás mulleres e aos homes, máis a estes últimos”. Por todo elo, conclúe, “Ter a oportunidade de participar no programa de cribado de cancro de colon é o maior premio, porque participar é unha opción de cambiar o futuro”.

Segundo os resultados recollidos en decembro de 2017 en Ourense e facilitados dende o Sergas, arredor do 7% dos test resalizados son positivos á presenza de sangue, o que deriva nunhas 35 colonoscopias á semana, das que, entre 3 de cada 4 pacientes teñen pólipos, e 1 de cada 16 cancro. Co que, grazas ao programa, cada semana diagnostícanse entre dous e tres novos casos de cancro colorectal, en pacientes aparentemente “sans” que se poñen inmediatamente a tratamento.

Artigos relacionados

Back to top button