CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O doutor Julio Jiménez aborda no Barco o papel do médico forense, máis alá dos cadáveres

A conferencia impartíase no Casino barquense no marco do 40 aniversario do Intituto de Estudos Valdeorreses

 

Un forense é un médico adscrito a un xulgado que actúa como perito en causas criminais e civís, sendo o responsable de determinar as causas que provocaron a morte dunha persona, por iso a súa figura está vencellada aos cadáveres. Imaxes que en moitas ocasións chegan a través do cine e da televisión. Pero o papel destes profesionais da medicina legal vai moito máis alá, e iso era o que explicaba o doutor Julio Jiménez Féliz no Casino do Barco de Valdeorras na tarde do 14 de decembro.

Convidado polo IEV no seu 40 aniversario, o médico forense barquense expoñía, sempre con exemplos de casos reais, as distintas actuacións que levan a cabo dende o seu departamento. O encargado da presentación era o presidente do Instituto Aurelio Blanco Trincado, asegurando que “os forenses traballan máis cos vivos que cos mortos”. Unha afirmación que ratificaba o propio conferenciante, que comezou falando da orixe da medicina forense, e dos cambios sufridos ao longo dos anos dende que comezou a traballar en 1990. “Antes eramos asesores, técnicos cualificados do xuíz, cunha relación moi persoal, para elaborar informes periciais tanto oficiais como privados; pero coa creación do IMELGA, é o instituto o que coordina os casos podendo actuar un, dous ou máis forenses en cada caso”, explicou Jiménez Féliz, antes de pasar a explicar os campos nos que traballan.

 

O forense barquense Julio Jiménez Féliz durante a conferencia.

 

Os principais son os sanitarios con implicación xudicial (cadáveres, lesións, toxicoloxía, sexoloxía, psicoloxía,…) e nese apartado a parte que máis lle interesa a Julio é a valoración da imputabilidade, “valorar a culpabilidade do autor dun crime (se sabe o que fai, se ten liberdade de decisión e vontade)”. Nese aspecto, son varios os motivos que pode levar a unha persoa a cometer un delito (demencia, esquizofrenia, trastorno da personalidade,…) .

Outras das funcións do forense son: a valoración da incapacidade dunha persoa (laboral, pernal, civil) para o cal os informes dos servizos sociais é básica; e do internamento involuntario; así como dos suicidios; investigación de agresións sexuais e da violencia de xénero. Con respecto ao apartado dos falecementos, Julio explicou que o forense é o responsable de todo o proceso, dende o levantamento do cadáver, estudo de lesións, feitos e antecedentes, ata a autopsia, diagnóstico, informe e xuízo.

 

O conferenciante con membros da súa familia.

 

Julio Jiménez Féliz é subdirector do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) en Ourense, especialista en Medicina Legal e Forense, máster en Dereito Sanitario e membro do Instituto Auriensis de Bioética, entre outros moitos, e no Barco arroupado pola súa familia falou con paixón do seu traballo, con exemplos de casos que el mesmo levou, algúns moi complicados e ata trarumáticos.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button