ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Eixo Atlántico contará cun orzamento de 3 millóns de euros neste ano

O Europarque de Santa María da Feira acollía a XXIV asemblea desta entidade transfronteiriza da que forman parte concellos ourensáns como O Barco, Verín, O Carballiño e Ourense

Os rexidores dos 38 municipios e entidades que forman parte do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular reuníanse o 16 de febreiro no Europarque de Santa María da Feira para celebrar a XXIV asemblea desta entidade. O encontro estivo presidido polo presidente da asemblea, José María Costa, polo presidente do Eixo, Ricardo Río, e polo vicepresidente, o alcalde barquense Alfredo García.

Entre os asuntos abordados figuraba o orzamento para o ano 2016, que resultaba aprobado e que se cifraba en 3 millóns de euros. Dese total un 15% procede das cuotas que aportan os concellos, mentres que o groso xérase con recursos externos.

Ademais no decurso da reunión informouse dos proxectos europeos aos que se ten candidatado o Eixo. “O programa do Eixo continúa a impulsar a cooperación transfronteiriza a través de actuacións en materia de Cultura (Capital Cultural do Eixo Atlántico; Bienal de Pintura), de Educación (Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito da educación e Mostra Musical), de Deportes (Xogos do Eixo Atlántico, torneo de hoquei a patíns, etc.)”, entre outros, segundo se informa dende o Eixo.

Ademais a asemblea aprobaba “tres eixos centrais de acción política” para este ano: a recuperación e promoción do Camiño Potugués a Santiago, a culminación do mapa ferroviario da costa unido á modernización da liña Porto-Vigo e a saída de mercadorías dende Aveiro-Salamanca-fronteira francesa. Finalmente, o terceiro eixo será o impulso das infraestruturas da franxa interior: a conexión por estrada entre Bragança e Pobra de Sanabria, o impulso das conexións ferroviarias entre a costa, Trás-os-Montes e Alto Douro, a conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense e o impulso á saída das mercadorías dos portos galegos a través de Monforte.

Entre os municipios que forman parte do Eixo Atlántico están os ourensáns do Barco, Ourense, Verín e O Carballiño. O acto de clausura da asemblea contaba coa presenza do ministro de Planeamento e Infraestruturas de Portugal, Pedro Marques.

Fotos cedidas polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

Artigos relacionados

Back to top button