EconomíaEconomíaÚltima hora

O Eixo Atlántico e a Xunta únense para defender a inclusión de Galicia no Corredor Atlántico de transporte de mercadorías

O Ministro de Fomento comprometeuse a defender a proposta conxunta de incorporación do Noroeste ao Corredor Atlántico e así o fixo recentemente no encontro europeo  TEN-T Days

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manterá unha xuntanza co presidente da Fegamp e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, cos alcaldes de Monforte de Lemos, José Tomé, de Astorga, Arsenio García, de Ponferrada, Gloria Fernández, e co presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez.

 

A inclusión de Galicia e dos seus portos no Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías será defendida de maneira conxunta pola Xunta de Galicia e polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Así o acordaban o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da entidade e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, nunha xuntanza celebrada o 7 de maio na que tamén participaban o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e outros rexedores de municipios integrantes do Eixo Atlántico. “Trátase, en definitiva, de cubrir cun corredor ferroviario para mercadorías todo o noroeste e trátase de poñer en valor todas as mercadorías que poidan entrar ou saír dos portos galegos”, apuntaba o presidente da Xunta.

O Goberno galego e o Eixo Atlántico coincidiron en sinalar a oportunidade que representa para Galicia a modificación do trazado dos corredores europeos, que cómpre aproveitar para acadar a incorporación ao mesmo da rede ferroviaria galega de mercadorías, e desa forma acceder o financiamento comunitario necesario para mellorar a liña e garantir a súa competitividade. Ambas institucións traballarán para que en primeiro lugar a modificación do Corredor o estenda a Galicia, garantindo a conectividade dos portos da Coruña e Vigo, e definindo a continuación un trazado competitivo.

A Xunta de Galicia, Castela e León e Asturias selaron recentemente unha alianza para defender a inclusión do Noroeste Peninsular no trazado do Corredor Atlántico, a través da vía que, desde Palencia, chega a Monforte e desde Ourense se comunica cos portos de Vigo e A Coruña.

Xunto con isto, o Goberno galego e os representantes do Eixo Atlántico apuntaron tamén hoxe que a conexión con Lugo quedará garantida a través da renovación ferroviaria entre Ourense e a cidade da Muralla que na mesma xornada do 7 de maio presentaba o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. Trátase dunha planificación con investimentos por máis de 1.300 millóns de euros que permitirá que xa no ano 2021 o tempo de conexión entre Lugo e Madrid estea por debaixo das 4 horas.

O titular de Fomento comprometeuse a defender a proposta conxunta de incorporación do Noroeste ao Corredor Atlántico e así o fixo recentemente nos TEN-T Days, un encontro europeo no que se revisou o funcionamento dos corredores.

 

Artigos relacionados

Back to top button