En portadaÚltima hora

O empate no campo do Arzúa válelle ao CD Barco para lograr a permanencia en Terceira

O gol de Vera na segunda parte sentenciaba o último encontro da tempada no campo coruñés do Viso

Os xogadores do Barco celebran o gol de Vera en Arzúa. /Foto: Sandra García.

 

Tensión ata o final. Así se vivía a última xornada desta peculiar tempada de fútbol en Terceira División, disputada na tarde deste domingo 20 xuño, con dous equipos ourensáns loitando pola permanencia: CD Barco e UD Ourense.

No cuarto posto da clasificación desta segunda fase, O Barco partía con vantaxe xa que si vencía ou empataba o seu partido ante o Arzúa (o líder, salvado hai xa unha semana) lograría o seu obxectivo. Un obxectivo que só se podía truncar se os ourensáns ganaban o seu partido nas Pontes. Pero non foi así e ámbolos dous equipos empataban a uns os seus respectivos encontros co cal o CD Barco mantense un ano máis en Terceira División mentres que a UD Ourense descende a Preferente.

Cos nervios a flor de pel e moita tensión acumulada, a primeira parte do partido entre Arzúa e Barco no campo coruñés do Viso, pasaba sen pena nin gloria co 0-0 no marcador. Pero nada máis comezar a segunda metade eran os locais os que se adiantaban co gol de Iván García no 48′. Mais era xusto o empuxe que necesitaban os barquenses para reaccionar, sendo Vera quen empataba pasados apenas 5 minutos, sentenciando o encontro que non daba máis de si.

 

Final do partido no campo do Viso, en Arzúa (A Coruña).

 

Un empate e un punto que para toda a familia do Centro de Deportes Barco (xogadores, equipo técnico, directiva e afección) valen ouro pois selan a permanencia do equipo na categoría nacional. Un obxectivo que se ía complicando conforme pasaban as xornadas deste ano marcado pola pandemia, tras quedar ás portas dos play off. A partir dese momento o míster, Iván González, que acaba de coller as rendas do equipo puxo todo da súa parte para sacar o mellor do equipo pero, malia a calidade dos xogadores e do grupo que partía como líder desta segunda fase, non lograban os resultados desexados con varias derrotas e empates que os facían perder puntos e os conseguinte postos. Así e todo, cunha boa racha final, conseguían manterse na zona de salvación, quedando a intriga para o último partido.

Un partido no que o equipo non estivo só, senón arroupado coma sempre por un bo número de afeccionados que non quixeron perder a ocasión de celebrar o resultado a pé de campo, aínda que fose a máis de 200 quilómetros de casa.

 

O CD Barco celebrando a permanencia. /Foto: Sandra García.

De cara á vindeira tempada, dos catro equipos ourensáns que competían este ano na categoría, unicamente quedan dous: Ourense CF e CD Barco. O CD Arenteiro ascendeu a Segunda B e a UD Ourense descende a Preferente.

 

Artigos relacionados

Back to top button