PolíticaÚltima hora

O empresario Álvaro Fernández, candidato do PP á alcaldía da Rúa

Será a primeira experiencia en política deste rues que aposta por “por xerar as condicións para que a xente siga a vivir no seu territorio”
O presidente do PP provincial co candidato rues Álvaro Fernández.

Novo rostro á fronte da lista que o PP presentará na Rúa ás vindeiras eleccións municipais. Álvaro José Fernández López (A Rúa, 1978) liderará o novo proxecto que o Partido Popular presentará nos comicios locais de maio, apostando “por xerar as condicións para que a xente siga a vivir no seu territorio, pero tamén creando sinerxias entre todos os concellos de Valdeorras, porque se a comarca é forte gañamos todos”.

Vinculado ao ámbito empresarial, Álvaro Fernández chega de novas á política municipal “decidido a devolverlle ao pobo todo o que me deu e para darlle unha volta ao concello, animado pola xente que me expresou o seu apoio para asumir esta responsabilidade, ao igual que desde a xunta local do partido como desde a dirección provincial”. Una proposta para liderar a lista popular que o candidato valorou “polas posibilidades que me ofrece de desenvolver un proxecto político no que será de gran axuda contar co apoio das administracións”.

Fernández define claramente o seu obxectivo desde o ámbito familiar ao sinalar que “aquí teño a miña vida, o meu traballo e a miña familia e desexo que o día de mañá a miña filla poda decidir se quere quedar ou marchar, pero que non teña que irse obrigada pola falta de oportunidades”. Como veciño da Rúa di que “non vexo ben que vaiamos cara atrás, que esteamos a perder oportunidades de futuro, con menos poboación e menos actividade económica que afecta a todos os sectores”.

Con todo, Álvaro Fernández comenta que tamén é consciente do importante que é crear sinerxias entre todos os concellos de Valdeorras “para traballar en común en proxectos que beneficien aos veciños, máis aínda nunha zona tan alonxada como esta, xa que se a comarca é forte, gañamos todos”.

Manuel Baltar, desde a presidencia provincial do PP, saudou a chegada de Álvaro Fernández e amosou a súa satisfacción pola decisión de incorporarse ao proxecto popular. “Álvaro é unha persoa nova, que chega de fóra da política, que pode aportar moito desde a súa experiencia empresarial, que sabe o que quere para A Rúa e que, por suposto, estará apoiado en todo momento polo partido”.

O candidato, engadiu Baltar, “ten a capacidade de poñer fin a inestabilidade e á falta de obxectivos que se instalou no municipio en todos estes anos”. O apoio que xa tivo ocasión de pulsar no concello “demostra que hai ilusión por cambiar as cousas e para elo de seguro terá un gran equipo detrás, como tamén un proxecto político municipal e de provincia como o noso”.

Artigos relacionados

Back to top button