OurenseÚltima hora

O encoro de Cachamuíña (O Pereiro de Aguiar) albergará en 2021 un parque natural, de deporte e de ocio

O espazo contará na contorna do río Lonia, cunha serie de infraestruturas, dende parques de calistenia, infantil e canino ata un monumento á Igualdade

O presidente da Deputación Manuel Baltar e o alcalde do Pereiro de Aguiar Luis Menor, no encoro de Cachamuíña.

 

A contorna da cidade de Ourense contará en 2021 co maior parque natural, de deporte e de ocio de toda a provincia, “unha infraestrutura que se situará no encoro de Cachamuíña (O Pereiro de Aguiar), a poucos quilómetros da capital ourensá, e que se converterá no gran pulmón verde de Ourense”. Así o expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na visita realizada xunto co alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, aos terreos onde se levarán a cabo estas actuacións medioambientais.

Está previsto que a maioría das infraestruturas entren en funcionamento ao longo de 2021, todas ao redor de Cachamuíña, no río Lonia, un curso fluvial que nace en Nogueira de Ramuín e remata no río Miño, na capital ourensá. O proxecto contempla a construción dun parque de calistenia, un método de adestramento deportivo con exercicios físicos que se executan co propio peso corporal. Ademais, contémplase a construción dunha pasarela xunto ao río con accesibilidade para persoas con mobilidade reducida; un parque infantil; un parque canino; e aseos; ademais dun aparcadoiro.

Todo isto unirase ás infraestruturas xa existentes: un parque biosaudable e rutas de sendeirismo, contemplándose, asemade, a construción do denominado “Parque da Igualdade”, un espazo que prevé abrirse ao público no primeiro semestre de 2021 e que renderá homenaxe ás vítimas das violencia de xénero, ofrecendo aos visitantes “unha experiencia emocional percorrendo esta contorna natural”, afirma Baltar.

Artigos relacionados

Back to top button
Close